Beiras acusa o PP de "matar" cos recortes e De Cospedal retruca que "perdeu o xuízo"

Imaxe du mitin de AGE en Lugo durante a campaña electoral CC-BY-NC-SA AGE

Sobe o ton da campaña. O pasado luns o líder de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras, protagonizaba un mitin en Lugo. No medio das críticas aos recortes impulsados polos Gobernos galego e central o tamén portavoz nacional de Anova concluíu que, con retalladas como as aplicadas en materia sanitaria, "Feijóo mata máis xente que ningún grupo terrorista do Estado español". O servizo de comunicación de AGE difundiu a través de Twitter a frase de Beiras, que comezou a espallarse ao pouco tempo e foi respondida dende o perfil oficial do actual presidente e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, que considerou "lamentables" as verbas do candidato.

Horas despois, xa este martes, a bóla de neve xerada polas verbas do líder de Alternativa continuou a medrar. Desde Ourense, Feijóo reclamaba "respecto para Galicia" ao tempo que consideraba que, de novo en Twitter, consideraba que "as verbas do señor Beiras se cualifican por si soas e non vou alimentar unha política de enfrontamento e división". Despois de que, no propio mitin de Lugo, Beiras sinalase ironicamente que o líder conservador "por fin arremete" contra el -"como xa me mataron tantas veces e resucitei tantas outras, tiñan pánico", sinalou- non foi Feijóo, senón a secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, de visita na capital luguesa, quen engadiu máis leña ao lume dialéctico. Segundo a número dous de Mariano Rajoy "as declaracións de Beiras o único que poñen de manifesto é que este señor non está capacitado nin para estar no Parlamento de Galicia nin para gobernar". Para De Cospedal "semella" que o nacionalista "perdeu o seu san xuízo".

De Cospedal asegura que Beiras "non está capacitado para estar nun Parlamento"

Foi neste contexto no que chegou, a través dun comunicado remitido aos medios, a reafirmación de Beiras nas súas declaracións. "Non teño a menor dúbida de que os recortes en sanidade están matando xente", subliña o líder de AGE, quen se pregunta "que é?" o que acontece "cando unha muller con cancro de mama ten que agardar un ano en lista de espera polo tratamento" ou "cando a crise económica que está levando á miseria a moitas familias incrementa as depresións e a taxa de suicidios". "Quen é o responsábel?", pregúntase. No mesmo sentido, Beiras asegura que isto "non é algo que diga só o Beiras", senón que Adolfo Pérez Esquivel, "nada menos que todo un premio Nobel", asegurou en diversas ocasións "que a débeda e as políticas do FMI constitúen un auténtico xenocidio nos países nos que se aplican". Pola súa banda, de novo dende as redes sociais, Anova retrucaba ás verbas de De Cospedal: "Cospedal di que Beiras non está capacitado para estar no Parlamento. Algúns pensamos que é un perigo que ela estea nun Parlamento", din.

Imaxe du mitin de AGE en Lugo durante a campaña electoral CC-BY-NC-SA AGE
De Cospedal, nun acto electoral con Rueda e Louzán © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.