Beiras apela á "rebelión" da cidadanía contra o "comando de exterminio" do PP

Beiras e Díaz, nun intre do pleno CC-BY-NC-SA AGE

Beiras acudiu ao seu primeiro debate de política xeral tras o retorno ao Parlamento sen poñer ao máximo o velocímetro. O voceiro de Alternativa Galega de Esquerda valeuse do seu proverbial dominio da escena no hemiciclo para, sen protagonizar un discurso explosivo como noutras ocasións, trasladar o groso das ideas forza da coalición. "Señor Núñez, cada vez que anuncia un plan as boas xentes corren a acubillarse en refuxios antiaéreos", comezou. "Venceremos nós", rematou parafraseando.

O líder da AGE pregúntase "cantas vítimas máis serán precisas" na actual "traxedia social" para que os gobernantes muden o rumbo. "Cómpre que haxa cadáveres sobre a mesa", como en Angrois ou Lampedusa, "para que se cuestionen determinadas actuacións do poder", mesmo "cada vez máis cidadáns" son empurrados ao suicidio polas circunstancias económicas. Pero os actuais gobernantes, censura, "non senten arrepíos perante estes dramas". "Teiman en negar as evidencias ou en descualificar como mentiráns anti demócratas a quen denunciar" unha situación ante a que, conclúe, só cabe a "rebelión".

"Hai alternativa á actual barbarie"

Ao contrario do acontecido noutras intervencións desta volta Beiras non se limitou a fustigar dialecticamente a un goberno ao que deixa de definir como "brigada de demolición" para denominalo "comando especial de exterminio", expresión que foi retirada a instancias da presidenta da Cámara, Pilar Rojo. "Hai alternativa á actual barbarie", esforzouse en destacar o histórico nacionalista, quen apelou á historia das forzas do nacionalismo e da esquerda en Galicia -"a UPG, o PSG e o que veu despois, o PCG, as Comisión Obreiras, as Comisións Labregas"- para amosarse "certo" de que "os cidadáns sempre acaban por derrotar os tiranos de calquera caste".

"É a hora da cidadanía exercente como tal, da soberanía popular no sentido propio da palabra"

"É a hora da cidadanía exercente como tal, da soberanía popular no sentido propio da palabra, da reconquista dos dereitos", apelou Beiras mentres múltiples deputados do PP aceleraban a súa actividade no Twitter. Nun contexto no que mesmo a "fame empeza a inzar" cómpre, a xuízo do parlamentario de Alternativa, que a cidadanía vexa ás claras que o PP e a oposición representan "intereses diferentes", tamén no Parlamento, "convertido nunha oficina de trámites" pola forza que ostenta a maioría absoluta ou fronte á reforma local impulsada por Cristóbal Montoro, o "necio incompetente" ministro de Facenda. Por todo isto Beiras aproveita o debate "do estado da nación" para reivindicar a "creba restauradora". Se Feijóo "está tan seguro" de que a maioría social galega debería convocar eleccións, xulga.

Beiras, este martes no Parlamento CC-BY-NC-SA AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.