Beiras confía no efecto "bóla de neve" das mareas e de Compostela Aberta

Intervención de Beiras no acto de Compostela Aberta © Compostela Aberta

O coportavoz de Anova e deputado de AGE no Parlamento de Galicia, Xosé Manuel Beiras, participou este sábado na campaña electoral municipal para apoiar a candidatura de Compostela Aberta, que encabeza Martiño Noriega, e para advertir de que estas fórmulas de confluencia son o "futuro".

Beiras ve nas fórmulas de confluencia "o futuro" e espera que se espallen por toda Galicia nas vindeiras eleccións

Así, o veterano político confiou en que estes espazos cidadás teñan "efecto bóla de neve" e se espallen por toda Galicia nas vindeiras convocatorias electorais. Beiras asegurou que quere que Noriega "sexa alcalde", tras defender a aglutinación de forzas para provocar un "cambio de réxime" no conxunto do Estado. "O futuro está aí, para que dunha vez se acabe a peste bubónica", dixo durante o encontro baixo o formato Conversas Con, que tamén traerá a Compostela a Carolina Bescansa (Podemos) e a Yolanda Díaz (EU e AGE).

Xosé Manuel Beiras advertiu de que "gobernar sen ter constantemente en conexión cos cidadáns e sen ter ese exército disposto a saír a dar a batalla" desemboca en que: "ou te sometes aos ditados da plutocracia ou te descabezan". "E por tanto, a forza está na xente", remarcou.

Beiras defendeu a "traxectoria congruente" de Martiño Noriega e destacou o seu "compoñente humanista", como médico de familia que é de profesión. "Quero que Martiño sexa alcalde e saiba o que é bo", manifestou o político convidado, quen afirmou, ademais, que hai "un equipo espléndido". Para o líder de Anova, un cambio en Compostela, baixo a "conciencia" de que é a capital histórica do país e a cabeceira dunha comarca que hai que "articular e construír", "só pode facelo quen vive o país, quen lle quere ao país, quen sente e padece, e quen pon o país e a ética por diante de calquera cousa".

Noriega ve a Compostela Aberta "lanzada" para chegar a Raxoi e "cambiar a política"

Pola súa banda, Martiño Noriega, que se declarou "pesimista" por natureza, mostrouse "positivo" e afirmou que Compostela Aberta "vai lanzada" para chegar a Raxoi para "cambiar a política". Referiuse á "falta de políticas sociais", á situación de risco de pobreza, á "falta de transparencia" e, en contraposición, apostou por unha Compostela que recupere o seu estatus e sexa "a gran capital" do país. 

Doutra banda, nunha das súas intervencións, Beiras volveu referirse aos "delincuentes" do PP, cuxos "delitos", como "deixar morrer" os maiores ou "causar suicidios e mortes". O histórico político tamén aproveitou a súa intervención para contestar o presidente da Xunta e do PP galego, quen o acusou de ser o político que máis tempo cobrou, para aclarar que é o político que máis anos estivo no Parlamento "sen cobrar", xa que só estivo con dedicación exclusiva entre 1999 e 2003. "Dígoo porque hai un xenoma indecente que dixo todo o contrario", explicou.

Beiras, con membros da candidatura de Compostela Aberta © Compostela Aberta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.