Beiras cualifica as apelacións ao voto do medo como "a demagoxia propia do fascismo"

Francesc Matas e Xosé Manuel Beiras este venres en Santiago CC-BY-NC Praza Pública

Anova e Esquerra Unida i Alternativa (EUiA) mantiveron un encontro este venres en Compostela como primeiro paso para establecer relacións preferentes entre as dúas formacións. Xosé Manuel Beiras sinalou a este respecto que os contactos de Anova se construirán sobre dous eixos: os partidos de Galicia, Euskadi e Catalunya, e as forzas de esquerda do Estado español no marco dun "réxime politico en proceso de descomposición e nun horizonte de ruptura democrática do sistema forxado na Transición". Beiras salientou que "hai procesos que se dan en ámbitos moito máis amplos que o do noso pobo e nos que temos que participar da forma máis clara posible".

Para Beiras estamos "nun réxime politico en proceso de descomposición e nun horizonte de ruptura democrática do sistema forxado na Transición"

Francesc Matas, responsable de relacións politicas de EUiA (a marca de IU en Catalunya), referiuse á manifestación independentista do pasado martes e sinalou que "o clamor era claro pola independencia e por Catalunya como novo estado de Europa". Matas salientou que "o pobo catalán dixo que queria outra cousa, ir mais alá do estado das autonomia ou das fórmulas mais flexibles de federalismo asimétrico". E criticou o proceso de destrución do Estado do benestar que realiza o PP en España e CiU en Catalunya "como avanzadilla". Matas concluiu que "están liquidando a parte social deste Estado, asi que non nos digan a nós que estamos liquidando o Estado". Lembrou que xa hai uns meses EUiA propuxera unha alianza das forzas independentistas, federalistas e autonomistas en Catalunya e que nestes momentos a formación avoga por traballar conxuntamente co independentismo.

Matas concluiu que "están liquidando a parte social deste Estado, asi que non nos digan a nós que estamos liquidando o Estado"

Finalmente, Beiras afirmou que "España xa é un protectorado" pois "a reforma da Constitución viola o principio fundamental da soberania da cámara dos representantes: no momento en que un parlamento non pode tomar a decisión de endebedarse nun momento dado para facer fronte ás necesidades da maioria social, xa non é soberanos". Sobre as apelacións realizadas por Alfonso Rueda sobre o perigo dos "comunistas", en referencia á coalición de EU e Anova, Beiras afirmou que esas declaracións son "a demagoxia propia do fascismo". E concluiu: "chámolles a eses individuos os nazineciosnon son máis que os bonecos de ventrilocuo dos grandes poderes coma a troika".

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.