Beiras entrega a Antón Sánchez o relevo á fronte de Anova co encargo de unir a esquerda e o nacionalismo

Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez © Anova

O 82,3% dos participantes na III Asemblea Nacional de Anova outorgaron este sábado en Pontevedra o seu apoio á única lista presentada e encabezada polo deputado autonómico Antón Sánchez para conformar a nova coordinadora do partido, que o 1 de abril elixirá o seu portavoz, con toda probabilidade o propio Sánchez. O ascenso do deputado supón un paso máis na saída progresiva da primeira liña do partido que el mesmo impulsou de Xosé Manuel Beiras, a piques de cumprir 81 anos, logo de non aspirar tampouco a renovar o seu escano como deputado autonómico nas eleccións do pasado 25 de setembro. Tamén supón un paso a un lado do outro ata agora co-portavoz de Anova, Martiño Noriega, cuxo cargo público como alcalde de Santiago fará que siga a manter peso político e proxección mediática na formación.

O 82,3% dos participantes na III Asemblea do partido outorgan o seu apoio á lista única encabezada polo deputado autonómico para conformar a nova coordinadora, que o 1 de abril elixirá o seu portavoz

Esta III Asemblea Nacional chega despois da asemblea constituínte celebrada en xullo de 2012 logo da escisión do BNG, da primeira asemblea de xuño de 2013 e da segunda asemblea de outubro de 2014. Nesta ocasión, os 700 militantes con dereito a voto elixían unha coordinadora nacional, máximo órgano de dirección entre asembleas, integrada por 50 persoas. Os críticos coa lista oficial denominada de consenso, como o deputado autonómico Davide Rodríguez ou a deputada no Congreso Alexandra Fernández, que finalmente non presentaron lista alternativa, lamentaron que non houbese maior vontade de integración por parte da nova dirección. Porén, descartaron calquera escisión e amosaron a súa “lealdade” ao proxecto tanto desde os seus cargos institucionais como a nivel interno.

Beiras deu por pechado o seu “epílogo político”: “É o momento de que eu pase a outra forma de combate”, dixo

Pola súa parte, durante a súa última intervención como portavoz nacional da formación, Beiras instou os seus a fortalecer a unidade popular a través de En Marea, onde tamén participan militantes doutras formacións de esquerdas como as mareas locais, Podemos ou Esquerda Unida. Pero o histórico líder nacionalista tamén lles pediu que non esquezan que o obxectivo último é a “emancipación social e nacional do pobo galego”. Sobre si mesmo, Beiras deu por pechado o seu “epílogo político”: “É o momento de que eu pase a outra forma de combate”, dixo.

Durante a súa intervención produciuse un altercado cando, mentres Beiras apelaba á unidade no nacionalismo e a esquerda, algúns entre o público do auditorio, que diversas fontes identificaron como próximos á FPG, elevaron a voz con protestas, que foron contestadas cunha petición de respecto por parte do secretario de Organización saínte, Rafael Dopico. Isto fixo que aumentasen aínda máis os berros e se chegasen a producir empurróns e patadas entre os implicados, segundo informaron diversos medios e amosou unha gravación da Televisión de Galicia. Logo do altercado, Beiras abandonou o escenario entre un sonoro aplauso.

Orientado o futuro de Anova, queda por resolver o bloqueo existente na coordinadora de En Marea, que aínda non elixiu os seus portavoces case dous meses despois das primarias do 22 de xaneiro.

Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez na asemblea de Anova na que o segundo substituíu o primeiro como portavoz nacional Dominio Público Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.