Xosé Manuel Beiras insistiu este luns en Cambre que "a rebelión cívica xa está en marcha" e que esta revolta cidadá "só falta proxectala á política estrita". Para o candidato de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) á presidencia da Xunta, o “PP xa está derrotado políticamente", polo que "só falta derrotalo electoralmente” nas urnas. "É unha forza política reaccionaria, lindante co fascismo, cando o que pretede é reconverter o sistema nun franquismo sen Franco", asegurou, tras lembrar que a dereita "non é capaz nin tan sequera de dar resposta as necesidades dos seus", polo que "está fracasado”.
"O PP pretende reconverter o sistema nun franquismo sen Franco", advertiu Beiras
Ante máis de 200 persoas, o voceiro nacional de AGE contrapuxo a "política de fast food dos grandes partidos á da "cociña caseira que se fai amodo, á da que estamos na sociedade abaixo e á esquerda". Segundo Beiras, "a cidadanía perdeulle o respecto ao poder", polo que agora só quedan dúas alternativas: "derrubar estas institucións ou que a cidadanía ocupe estas institucións democraticamente". "Iso é o que pretende Alternativa Galega de Esquerda”, engadiu.
"O PP ten que facer a súa campaña en estado de sitio, ben gardadiño, en lugares pechados e mallando nos cidadáns que protestan"
Ante un auditorio entregado pero moi variado, Beiras chamou a perder "o medo" a un poder que o está a empregar para "aterrorizar o pobo", algo que xa non é capaz de facer, algo que demostraría o feito de que o PP "teña que facer a súa campaña en estado de sitio, ben gardadiños en lugares pechados e arrementendo e mallando nos os cidadáns que simplemente lles berran protestando contra o expolio que están a realizar en Galiza”.
“Se queremos atallar o exterminio que está a levar a cabo en Galiza o PP temos que unirnos e varrelos o vindeiro 21 de outubro”, dixo Beiras, para quen AGE é "a chave da derrota do PP, a única alternativa de obter o apoio da cidadanía xa cansa e que xa non cría na política".
Pola súa banda, a número dous da lista de AGE e coordinadora xeral de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, insistiu, ao igual que Beiras, en louvar a coalición entre a súa formación e o resto que integran Alternativa e apelou aos desencantados dun PSdeG que tamén ve "derrotado". "Feijóo está encantado de que o seu opositor nos debates sexa Pachi Vázquez", dixo, para preguntarse despois "por que diaños non quere debater con Beiras ou con Yolanda?".
Yolanda Díaz apelou aos descontentos do PSdeG e preguntouse se Pachi Vázquez é de verdade unha alternativa
Así, e en referencia á quen lle pregunta sobre as posibilidades de pactos postelectorais, Yolanda Díaz di "tender a man aos que defenden os de abaixo", pero cuestionouse se os socialistas "van seguir pactando co PP" na súa política económica. "É esta a alternativa?", inquiriu ao público. “A alternativa está aquí nesta sala é chámase Alternativa Galega de Esquerda e entre todos lograremos botalos, con b”, respondeuse.
Ademais, cualificou de "mentireiro e insolvente" ao presidente da Xunta. "Non é verdade que Feijóo sexa o presidente da solvencia deste país porque os datos do Banco de España está sinalanado que Galicia é pola parte de arriba unha das comunidades máis endebedadas de España, xusto despois de Catalumya, Valencia ou Madrid. Un presidente que endebeda o seu país do xeito que o fixo Feijoo en tan só tres anos, non é solvente” explicou durante a súa intervención, tras aclarar que o Goberno do PP "destruíu 135.000 postos de traballo, o noso emprego e o sector industrial", ademais de "contraer máis débeda que ningún en toda a historia do país". "A débeda supera os 7.300 millóns segundo, o que unido á débeda privada sitúaa en máis de 14.000", engadiu.
"Feijóo e Rajoy son o mesmo, os das políticas dos recortes, do expolio, da miseria e das mentiras"
"Feijóo e Rajoy son o mesmo, os das políticas dos recortes, do expolio, da miseria, das mentiras. Dicíndolle non a Feijóo dicísmoslle non ás políticas de recorte do Partido Popular de Mariano Rajoy”, insistiu tras amosar unha fotografía de Manuel Fraga, Núñez Feijóo e Mariano Rajoy xuntos.
Algo antes, Mariluz Canal, número seis da lista de AGE, centrou a súa intervención no obxetivo común da coalición, que non é outro que "botar a dereita de San Caetano" porque a esquerda ten que estar unida para entre todos “parar o PP e sacalo da Xunta de Galiza”. Así, presumiu tamén dunha coalición "natural". "Eu vou de número seis, pero imos a por todas; eu quero entrar no Parlamento", concluíu.