Beiras ve na 'Pokemon' unha "operación espectáculo" para "provocar a abstención"

Un intre da comparecencia de AGE CC-BY-SA Praza Pública

Non gusta Xosé Manuel Beiras de abordar nas súas comparecencias públicas asuntos diferentes aos da convocatoria para así non distorsionar a mensaxe. Pero ao portavoz nacional de Anova e cabeza de lista de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) na Coruña non lle resulta doado non "indignarse" e manifestar o seu punto de vista cando é cuestionado por asuntos controvertidos dende as bancadas de prensa. Ese esquema repetiuse este mércores, cando AGE convocou á prensa para presentar a integración na coalición do Espazo Ecosocialista e, na quenda de preguntas, Beiras foi instado a posicionarse sobre a denominada operación Pokémon, que investiga unha presunta trama de subornos, prevaricacións e branqueo de capitais e que xa se saldou con detencións de representantes de PP, PSdeG e BNG. "Non vos riades, que o conto é triste", parafraseou a Castelao para abordar o que para o histórico nacionalista é unha "operación espectáculo".

Beiras: "En Ourense lévase decenios falando do que pasa na deputación e nunca houbo iniciativas deste tipo"

"Xa me gustaría que a maxistratura operase desa maneira e con esa rotundidade ao longo dos períodos normais", di Beiras, en referencia ao inicio dos apreixamentos a apenas un mes das eleccións. Gustaríalle tamén ao candidato de AGE que esas actuacións tivesen "a mesma vara de medir para todos" xa que, por exemplo, sen saír da provincia de Ourense, "lévase decenios falando do que pasa na deputación" con "determinada familia moi poderosa". "E nunca houbo iniciativas deste tipo", constata. "Tamén se está falando moito do alcalde de Ourense" pero, "en cambio", afirma, "din" que o outro rexedor detido "é un alcalde dunha aldea", cando "o señor [Adolfo] Gacio -alcalde de Boqueixón ata o pasado martes- foi sempre o brazo dereito de Romay Beccaría" ou, o que é o mesmo, o "testaferro político dun dos homes máis poderosos do PP", xa "no franquismo", cando Romay exercía de secretario de Estado de Manuel Fraga, "cando foi a traxedia de Gasteiz". "Este señor Gacio, coñecido na redonda como monseñor" é, polo tanto, colaborador directo "dunha das pezas fundamentais do Opus Dei na política do PP", acrecenta.

Así as cousas, a Beiras non lle cabe dúbida de que con operacións coma esta "se pretende que se diga que todos son iguais" para que así, pola vía da "abstención", poida volver "saír o PP". "É horroroso estar falando destas cousas" porque "todo iso, a mesma merda é", sentenza. Neste contexto, o líder de Anova chama a "ter en conta" que nos comicios do 21-O hai "unha alternativa absolutamente limpa e non porque nunca gobernase, que tamén gobernamos", senón "porque cumprimos". "No noso caso, se algún se atopase nesa necesidade, poderíamos dicir que evidentemente dimitiría", pero "non se daría a situación que obrigase a dimitir, esa é a cuestión", subliña.

Integración dos ecosocialistas e expectativas electorais

Noriega: "Imos ser fundamentais para provocar a derrota de Feijóo e do PP"

Á marxe da Pokémon Beiras deulle a "benvida" a AGE ao Espazo Ecosocialista, cuxo voceiro, Xoán Hermida, enmarcou esta integración nun "proceso acumulativo na esquerda nacional". Os ecosocialistas, di, elixiron "a esquerda rupturista" como "terreo de xogo" tendo en conta "o prioritario, desprazar o PP e as políticas da troika que a dereita económica está impoñendo". Este proceso de integración de forzas, ademais de Anova e Esquerda Unida, unida ao panorama político xeral, está a inxectar importantes doses de optimismo en AGE. Nesta liña, e tamén á luz dalgúns inquéritos, o responsable de acción institucional de Anova, Martiño Noriega, ve constatado que "hai un segmento de cidadanía que amosaba moita distancia co sistema de representación actual" e que "comeza a mobilizarse en torno a un proxecto ilusionante como AGE". "Imos ser fundamentais no proceso electoral" para "provocar a derrota de Feijóo e do PP", asegura Noriega, para quen as enquisas amosan "o noso chan".

Un intre da comparecencia de AGE CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.