Beiras volve liderar Anova, que insiste en "acumular forzas para a creba democrática"

Votación nunha asemblea de Anova Dominio Público Praza Pública

Xosé Manuel Beiras foi reelixido portavoz nacional de Anova logo de recibir o apoio unánime da asemblea -sen ningún voto en contra nin abstencións- nunha votación a man alzada na última xornada dun cónclave no que tamén quedou clara a división entre dúas visións diferentes dentro dunha formación nacionalista que, segundo dixo o seu voceiro, "é unha escola na que se ensaia unha nova cultura política, un proceso de aprendizaxe colectiva".

"En menudo enguedello me metedes", comezou Beiras o seu discurso, no que advertiu que "se Anova quere ser unha nova cultura politica" non lle debe "ter medo á discusión". "Unha nova cultura política que debe ser unha confluencia de varias: das novas que están nacendo e das vellas culturas e loitas", exemplificou o voceiro nacional sobre dúas beiras que se atoparon no cónclave dunha formación que definiu como "o novo proxecto estratéxico do nacionalismo galego neste novo ciclo político".

Beiras definiu Anova como "o novo proxecto estratéxico do nacionalismo galego neste novo ciclo político"

Foi elixido Beiras despois dunha primeira intervención na que o voceiro asegurou ter "unha máxima responsabilidade de cara aos 200.000 votantes de AGE, da que Anova foi o principal motor ao facer o chamamento inicial" e na que insistiu, malia todo, en que "o peso maior debe caer sobre a sociedade civil", tras volver facer un chamameno á "fronte ampla" porque "é unha proposta que ten que seguir viva". "O centro de gravidade está na sociedade civil", insistiu.

As alianzas de Anova serán "con todas as forzas que sexan galegas e de esquerda e que avoguen pola ruptura"

Ademais, Beiras destacou que "Anova está por riba de proxectos segmentados das súas partes" e lembrou que "un proxecto común é algo máis que a xustaposición de proxectos, é unha síntese". En canto aos posibles acordos da formacion con outras forzas, o portavoz nacional asegurou que "as alianzas van máis aló das electorais" porque "a primeira alianza de Anova é cos movementos sociais". Aínda así, engadiu que as devanditas alianzas serán "con todas as forzas que sexan galegas e de esquerda e que avoguen pola ruptura". "Estamos nunha primeira fase para acumular forzas e lograr unha creba democrática", engadiu.

De feito, a asemblea rematou cunha solución sobre esta política de acordos que deixa un campo abertoe na que se aclara que Anova será soberana para negociar alianzas en cada proceso electoral, tal e como propón desde hai tempo Beiras, aínda que se volve por en valor a coalición formada xunta a EU, Ecosocialistas e Equo en AGE. O propio Beiras destacou que o traballo en conxunto con Alternativa produciu unha "ósmose" entre a formación nacionalista e Esquerda Unida "que está conseguindo que EU entenda mellor o carácter nacional de Galiza".

Antes, entre berros de "presidente" e logo dunha ovación de medio minuto, Beiras pechou esta primeira asemblea de Anova, da que non dubidou en advertir de "algunhas actitudes, supoño que entendibles pola tensión, que conculcaban os valores de fraternidade que son o principio básico de Anova", en referencia á tensión vivida o día anterior no debate sobre o sistema de elección da coordinadora nacional e ás diferenzas entre diversos sector da formación.

"A traballar; levamos demasiados meses mirando para nós mesmos", rematou Beiras, que antes, tras a presentación da súa candidatura, puido escoitar o Grandola vila morena, a interpretación do himno galego ou berros de "independencia".

Desde a asemblea de Anova tamén se saudou ás delegacións internacionais que asistiron ao cónclave, como Sortu, PSUV, Bloco de Esquerdas ou EUiA, que foron os máis aplaudidos, así como os galegos do BNG, CIG, CUT, Compromiso por Galicia, Esquerda Unida ou Espazo Ecosocialista. Ademais, tamén interviron movementos sociais "dos que Anova transmite as súas demandas". Falaron representantes de SOS Sanidade Pública, a Organización Galega de Montes Veciñais en Mancomún, Véspera de Nada-Por unha Galicia sen Petróleo, o Sindicato Labrego Galego.

 

As teses organizativas

Ademais, Xosé Manuel Beiras advertiu no seu discurso para presentar a súa candidatura que non estaba de acordo coa decisión da asemblea de escoller directamente o portavoz nacional porque "a dirección e o liderado teñen que ser colectivos" polo que, na súa opinión, debe apostarse "por darlle máis valor ao órgano colexiado". "Mais respéctoo, por iso estou aquí", aclarou logo.

A elección do voceiro nacional de Anova cambiouse precisamente para este cónclave, ao aprobarse o pasado sábado que nesta ocasión fose elixido de forma directa pola asemblea, o que contou con 173 votos a favor, 78 en contra e 18 abstencións. No entanto, tamén se acordou que para o futuro se manteño o método de elección de portavoz que está xa nos estatutos e que sairá do que decida a coordinadora nacional.

Ao peche desta edición, quedaba por coñecer aínda a conformación da nova coordinadora nacional á espera do reconto dos resultados das votacións.

Foi unha segunda xornada do cónclave onde Anova aprobou tamén as súas teses organizativas con 227 votos a favor, 149 en contra e 29 abstencións. Discutíronse un total de 49 emendas ata que se chegou a acordos como no modelo territorial, optándose por un de base local organizado arredor de asembleas de barrio, parroquias, municipal e intermunicipal, xa que logo "con posibilidade de coordinación a nivel comarcal e creación de grupos inframunicipais".

No mesmo debate, optouse por "facer un esforzo" por implantar a nova formación nacionalista nas comarcas de fala galega de Asturias e León. Ademais, tamén se aprobou manter a dobre militancia, mantendo a posibilidade de militancia única como en proceso, pero tendendo cara a "unha militancia integradora como proceso de adquisición dunha linguaxe e práctica común". Nesta mesma tarde, e no comezo do debate das teses políticas, a asemblea rexeitou a emenda á totalidade presentada por Anova Teo. 

Un momento da asemblea de Anova Dominio Público @carlosrua93
Beiras, durante unha votación da asemblea de Anova © Anova

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.