Besteiro alerta do "secuestro dos concellos" que prepara o Goberno central

Besteiro, con militantes do PSOE da Coruña CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

"Un secuestro á autonomía dos concellos e un golpe baixo ao municipalismo". Isto é o que suporá, a xuízo do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, a reforma local que prepara o Goberno central. O aspirante á secretaría xeral do PSdeG apelou este xoves á "cordura e o diálogo" durante as xornadas de política municipal dos socialistas coruñeses, unha xuntanza na que expuxo os datos que, ao seu xuízo, "desenmascaran o xogo de trileiros que tenta facer a cereita".

Aínda que o Goberno central asenta o seu discurso na cuestión económica, na débeda e no déficit, Besteiro subliña que a débeda local "representa pouco máis do 4,5% do conxunto da débeda pública estatal". Polo tanto, argumenta, "o mundo local non é o epicentro da débeda púbilica, como quere facer ver o PP", baixo cuxo punto de vista "os concellos son a causa dos males e deben ser reformados e tutelados como menores de idade". Esta tese, subliña, vese reforzada co feito de que "o 40% da débeda local se concentra en só 10 grandes cidades".

O aspirante a liderar o PSdeG coida que o PP pretende "baleirar de contidos os concellos, privatizar e deixar sen servizos á cidadanía"

O líder dos socialistas lucenses pon tamén o foco noutro dos grandes eixos da reforma: os concellos de menos de 5.000 habitantes. Estes municipios, alerta, "poderán ser intervidos e desaparecer como tal" ou, o que é o mesmo, "o 83,74% dos municipios de España". "O PP quere marcar os estándares de eficiencia nos de menos de 20.000 habitantes" e "sumar eficiencia e máis PP -ironiza- é mala cousa". Neste sentido, en aras da propia eficiencia Besteiro coida tamén que cómpre "definir claramente cales son as competencias impropias dos concellos, valoralas e que os municipios reciban as compensacións económicas axeitadas", xusto o contrario do que, na súa óptica, quere facer "a dereita": "baleirar de contido os concellos, privatizar e deixar sen servizos á cidadanía", o que ademais supón "destruír emprego".

Neste escenario, o candidato a liderar o PSdeG analiza tamén que "para algúns, a primeira reacción que suscita o mapa local galego son as agrupacións forzosas de municipios ou ben o abandono á súa sorte dos concellos, para que o darwinismo económico os elimine". "A panacea non está na fusión dos concellos e na desaparición dos municipios como realidade política, senón na xestión conxunta dos serivzos cara a unha visión estratéxica do noso país", conclúe.

Besteiro, con militantes do PSOE da Coruña CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.