Besteiro anuncia a convocatoria de primarias e volve marcar distancia con En Marea

Besteiro, no comité nacional do PSdeG Dominio Público @PSdeG

O PSdeG celebrará no vindeiro mes de febreiro un comité extraordinario no que se convocarán as primarias para elixir candidato á presidencia da Xunta e onde tamén se fixará o calendario para a elaboración do programa electoral. Así o anunciou este sábado o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, nun tenso comité nacional no que non aclarou se ía presentarse ás devanditas primarias, algo que, no entanto, dáse por descontado. 

O PSdeG celebrará en febreiro un comité extraordinario onde se convocarán as primarias

A intervención de Besteiro foi recibida con frialdade nun comité nacional onde non estiveron presentes nin o alcalde de Vigo, Abel Caballero, nin a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, nin o deputado autonómico vigués Abel Losada. O secretario xeral do PSdeG recoñeceu o mal resultado da formación nas xerais malia manter os seis deputados, xa que perdeu uns 150.000 votos, e lanzouse de novo a marcar distancias tanto co PP como con En Marea, á que volveu criticar con dureza. A porta pechada, os reproches foron importantes cara ao líder dos socialistas, tanto pola perda de apoios como polo feito de que siga a esperar unha resolución á súa imputación no caso Garañón para optar a ser candidato. 

Con respecto aos resultados en Galicia, Besteiro pediu "non caer na autocompracencia, cunha fenda no voto urbano e na xente máis nova”. Malia todo, tan só a súa defensa do non de Pedro Sánchez á investidura de Mariano Rajoy arrincou aplausos unánimes entre o auditorio. O líder do PSdeG considera “esgotado o proxecto do Partido Popular para Galicia” e asegurou que traballará para obter “a confianza dos progresistas cuxa prioridade non é a autodeterminación” nun escenario no que “Galicia abriu definitivamente as portas do cambio”. 

Besteiro di que traballará para obter “a confianza dos progresistas cuxa prioridade non é a autodeterminación”

Aludiu así con claridade a En Marea, á que acusou de ter unha axenda oculta, e apelou a “recuperar a coherencia”, o traballo e a unidade a pesar das discrepancias “para os retos" deste ano. "Temos que ser protagonistas nos gobernos de España e Galicia coa axenda social por diante e sen axendas agochadas como outros, que despois das eleccións comezaron a falar de autodeterminación e referéndums”, insistiu Besteiro. 

“Somos a alternativa ao Partido Popular e as portas están abertas para o cambio, temos que trasladar aos cidadáns un proxecto de transformación, fronte a outras forzas emerxentes que non sabemos moi ben quen son, que van facer e con quen”, engadiu.

Xa por último, Besteiro cargou contra o presidente da Xunta. “Os socialistas dicimos non ao PP e non a Feijóo, que pide apoio tras a súa deslealdade institucional e ausencia de diálogo, fala de grandes coalicións pero hai quince días rexeitou todas as emendas dos socialistas aos Orzamentos da Xunta”, apuntou. “Temos que traballar non próximos meses na procura de solucións para os galegos, as portas do cambio están abertas”, rematou.

Besteiro, no comité nacional do PSdeG Dominio Público @PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.