Besteiro aprema a Pachi Vázquez para que acelere a renovación do PSdeG

Vázquez, con Besteiro e Concepción Burgo, en Monforte CC-BY-NC-SA PSdeG

Besteiro aprema a Pachi Vázquez. O secretario xeral do PSdeG en Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, contestou o líder dos socialistas galego sobre os tempos que prepara no partido para advertir que a súa posición "non se modificou", polo que cre que abrir "un espazo de interinidade non beneficia o partido nin tampouco a sociedade". Así, ínstao a superar esta situación acelerando xa a celebración dun congreso extraordinario antes do verán, unha aposta que comparte, di, con numerosos cargos municipais.

Besteiroo pide superar a "interinidade que non beneficia nin o partido nin a sociedade"

"Unha vez que en novembro no Comité Nacional se traballou case de forma unánime na idea de establecer un Congreso extraordinario axiña, iso guste ou non guste abre un espazo de interinidade, e ese espazo de interinidade creo que non beneficia o noso partido, e ao non beneficiar o noso partido tampouco beneficia a sociedade”, asegurou o presidente da Deputación de Lugo en referencia ás propostas de Pachi Vázquez, que non asegura un cónclave tan pronto como desexa Besteiro, e do que espera unha aclaración na Executiva Nacional que o PSdeG celebra este luns tras coñecer a proposta "a través dos medios".

"Que ese Congreso e a elección da nova dirección se estableza antes do verán é o sentir maioritario do partido”

“Nestes momentos temos que estar rearmándonos non só politicamente, senón tamén administrativamente. O PSOE é un partido máis necesario que nunca para a sociedade, e ademais temos que afrontar próximos retos electorais, como son as municipais, dunha forma rápida”, insistiu Besteiro, que se erixiu tamén en voceiro doutros membros o partido. “Iso é o que queren tamén os alcaldes e concelleiros cos que teño falado; necesitan que esta situación se corrixa canto antes. Que ese Congreso, que esa elección da nova dirección se estableza antes do verán creo que é o sentir maioritario do partido”.

En canto á proposta de Vázquez para realizar primarias nas que se elixa o futuro líder do partido, Besteiro asegura que a súa opinión "é clara" desde decembro, cando manifestou que a votación "debería facerse a través da máxima un militante un voto, porque iso fortalece o secretario xeral e fortalece o partido". "Niso tampouco cambiei de opinión porque me parece un camiño axeitado, hai que facer o esforzo para que iso sexa así”.

Ademais, Antón Louro, presidente provincial do PSdeG en Pontevedra, foi aínda máis duro e cualificou a proposta de Pachi Vázquez de "improvisada" e asegurou que son "ganas de marear, de enlamar e de crear máis problemas dos que hai". "O compañeiro Pachi non foi elixido por primarias nin polo comité nacional, foino a proposta da executiva; hai un déficit democrático que hai que subsanar", asegurou en rolda de prensa.

O futuro das deputacións

Por outra banda, Gómez Besteiro, durante o IV Encontro de Cooperación cos Concellos, dixo respectar "todas as opinións", pero volveu amosar o seu rexeitamento ás palabras de Pachi Vázquez, que aposta por eliminar as deputacións. Así, defendeu que se convertan en "institucións modernas, transparentes, abertas á xestión municipal e dedicadas fundamentalmente a actuacións nos concellos de menos de 20.000 habitantes, para garantir servizos basicos e fundamentais”.

O presidente da Deputación de Lugo defende a permanencia dos organismos provinciais en contra da opinión de Pachi Vázquez

“Iso é o que o PSdeG dixo, e polo tanto, eu quedo coa declaración que fixo o meu partido hai apenas dez meses. En todo caso, como saben son unha persoa que admite a discusión e o debate, e  o que marque o meu partido no futuro será respectado por parte de quen lles está a falar, pero en canto aos cambios de opinión, teñen que permitirme que non faga unha valoración sobre iso, senón sobre o que opina o meu partido a día de hoxe”, incidiu.

“Respectarei o que o meu partido diga, pero ata o día de hoxe as deputacións están consagradas polo partido", volveu reivindicar, malia aceptar que é "lóxico" que se teñan que modificar as deptuacións "e adaptalas a unha realidade". "Non respondemos a un interese autonómico nin estatal, é un interese do municipalismo, que é onde o partido socialista afonda nas súas raíces máis profundas”, dixo.

Besteiro, tras ser elixido líder do PSdeG en Lugo, o pasado maio CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.