Besteiro dá o "paso" en Lugo para que o PSdeG "volva ser referencia política" en Galicia

O socialista Gómez Besteiro preside a Deputación de Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG

Elixido por aclamación. Non fixo falta nin votar. José Ramón Gómez Besteiro, é o novo secretario provincial dos socialistas de Lugo en substitución de Ricardo Varela. Sen rival no Congreso, o presidente da Deputación de Lugo marcouse como “obxectivo inmediato recuperar a Xunta de Galicia”, para o que pediu “unidade clara e traballo continuo”.

Os 96 delegados non votaron, senón que “por aclamación” declararon a Besteiro novo secretario provincial, tal e como transmitiu o presidente do cónclave, o exministro José Blanco. "Así é como sinto: orgulloso de ser socialista e preparado para dar este paso adiante. Presento a miña candidatura á secretaría xeral, facendo extensible o compromiso e a responsabilidade que leva consigo tamén ante a sociedade lucense e galega", proclamou durante o presidente da Deputación no seu discurso.

"Dou o paso co obxectivo de que o PSdeG volva ser referencia política"

Para Besteiro, o “paso” dado non ten outro obxectivo máis que conseguir que o PSdeG “volva ser referencia política” en Galicia, “loitar en Lugo contra o que non é xusto, fortalecer o partido e conseguir un novo proxecto maioritario de goberno e para sumar aos progresistas ao redor dun proxecto de centro esquerda galeguista".

Besteiro di representar "o galeguismo integrador" fronte á "neodereita" do PP

Besteiro confrontou o modelo de “bilingüismo harmónico” de Feijóo co “galeguismo integrador” que di representar, tras criticar “a neodereita que quere baleirar Galicia de contido”. "Dou un paso adiante no que mañá empeza hoxe. Hai moita xente esperando ao cambio para incorporarse ao noso proxecto. O centro-esquerda unido somos maioría neste país. Recuperar a Xunta de Galicia é o obxectivo inmediato e a unidade para conseguilo ten que ser clara e o traballo continuo", asegurou.

Raúl Fernández, reelixido en Ourense

Por outra banda, Raúl Fernández foi reelixido este sábado como secretario provincial do PSdeG de Ourense, ao recibir o apoio do 73,3% dos votos dos delegados.

No II Congreso Provincial do PSdeG ourensán, Fernández obtivo 66 votos, mentres que a candidatura de Pablo López Vidal recibiu 23 papeletas, tantas como avais reuniu para presentar a súa candidatura alternativa a Raúl Fernández.

A votación en urna para elixir ao novo secretario provincial socialista contou coa participación de 90 dos 95 delegados provinciais, dos que 15 representaron á cidade de Ourense. No reconto de votos apareceu tamén un voto en branco.

Fernández insistiu tamén en que o PSdeG é un partido con vocación de goberno e que debe "vivir segundo o seu ideario". O obxectivo, segundo o novo secretario provincial, é que as ideas socialistas "esperten soños na sociedade". "Acepto con orgullo e chego de responsabilidade a reelección", dixo, tras lamentar que só podía elixir "uns poucos" para formar a Executiva Provincial. "En todos e cada un de vós está a forza deste proxecto que será realista, crible e que dará resposta aos principais problemas da cidadanía", finalizou. 

O socialista Gómez Besteiro preside a Deputación de Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.