Besteiro garante primarias no PSdeG para a candidatura á Xunta en 2016

Besteiro, durante un acto de campaña CC-BY-NC-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, garantiu este xoves que o seu partido celebrará primarias para elixir o seu candidato á presidencia da Xunta en 2016. Nunha clara resposta ás críticas do seu predecesor no cargo, Pachi Vázquez, o actual líder socialista foi contundente. "É unha obviedade que vai haber primarias; cando non as houbo foi en 2012", dixo en referencia ás críticas do anterior secretario xeral, que amosou a súa decepción por un proceso de elección que vía inexistente. 

"É unha obviedade que vai haber primarias; cando non as houbo foi en 2012", dixo respondendo ás críticas e Pachi Vázquez

"Eu son fillo de primarias e garanto que as vai haber; se ese é o problema, problema resolto", insistiu Besteiro logo de participar nun almorzo informativo en Vigo protagonizado polo alcalde da cidade, Abel Caballero. 

Por outra banda, Besteiro tamén se referiu ao rexeitamento ao seu recurso por parte da xuíza Pilar de Lara. Nel solicitaba que se anulase a súa imputación no caso Garañón e o líder dos socialistas cre que a desestimación débese a unha "cuestión formal" pero insiste en que a maxistrada segue sen se pronunciar sobre "o fondo do fondo da cuestión" que, segundo o secretario xeral do PSdeG, é que "non hai caso". Para o político lucense, o tempo acabará por revelar moitas cuestións e obrigará tamén a que os xulgados se pronuncien sobre o fondo da cuestión. 

Besteiro, durante un acto de campaña CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.