Besteiro non declara ante De Lara pola ausencia dos seus avogados

José Ramón Gómez Besteiro CC-BY-NC-SA PSdeG

"Non teño máis remedio que non contestar se non se acepta que estean os meus avogados". O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, estaba citado este martes para declarar no marco do caso Garañón, no que a xuíza Pilar de Lara lle imputou o pasado xullo presuntos delitos como prevaricación, tráfico de influencias, contra o territorio e suborno por unha operación urbanística da súa etapa como concelleiro en Lugo. Tras adiar a declaración o pasado verán De Lara fixou a nova data en novembro e, aínda que os avogados de Besteiro reclamaron un cambio de data por teren que asistir a un xuízo en Málaga, o da operación Goldfinger, a cita mantívose para este 12 de xaneiro.

Este mesmo luns a xuíza rexeitou as alegacións nas que os letrados pedían que Besteiro fose citado nunha data á que puidesen asistir. Pero para  De Lara esta petición da defensa do socialista "encobre unha manobra claramente fraudulenta", un "abuso de dereito para tentar dilatar o procedemento". A alternativa que lle formulou a Besteiro e que este rexeitou foi declarar asistido por unha letrada de oficio en prácticas que, indica o socialista, non podía representalo con garantías, toda vez que non é posible coñecer "en cinco minutos" a vintena de tomos que compoñen o sumario.

De Lara rexeitou mudar a data da declaración e acusa os avogados de "manobras fraudulentas" por solicitalo

Así as cousas, tras permanecer uns poucos minutos no edificio xudicial lucense Besteiro compareceu ante a prensa para indicar que "non entende" o que "acontece neste xulgado". "Non entendo por que esta declaración non se suspendeu ou se puxo antes, non entendo este proceder" ante unha cuestión que considera "de pura lóxica", a necesidade de ter a asistencia dos avogados "que están familiarizados coa causa".

"Non entendo pro que esta declaración non se suspendeu ou se puxo antes", di Besteiro, quen subliña que el é "o menos interesado en dilatar esta cuestión", xa que "non hai caso"

"Levo 180 días" agardando para declarar "e parece que só o 12 de xaneiro se podía facer esta declaración", lamenta o socialista, quen rexeita o argumento da xuíza segundo o cal está inmerso nunha estratexia para alargar o procedemento. "O que está menos interesado en dilatar esta cuestión son eu", manifesta, tanto por motivos "persoais e familiares" como por "unha cuestión política evidente", toda vez que este caso pode chegar a condicionar a súa permanencia no cargo e a súa candidatura á Xunta. A estes factores, agrega, engádese un máis, o económico, toda vez que os avogados "non me saen de balde" e dende o pasado xuño carece da "retribución" coa que contaba como presidente da Deputación de Lugo.

Neste escenario, resta saber se De Lara citará a Besteiro de novo nun contexto no que, como xa afirmara o pasado decembro, se considera "alleo" ás "comunicacións" e enfrontamentos "entre avogados e xuíces". "Todo o mundo entende que todo o mundo ten dereito ao seu avogado, e eu son parte dese mundo", resume, nun contexto no que, reitera, "non teño temor a que poida haber un reproche penal contra min". "O fondo da cuestión é que non hai caso, pero ata chegar a el hai unha formalidade" que, di, é a que tenta solventar, tamén mediante o cuestionamento da competencia da xuíza que, lembra, está pendente de se resolver. "No fondo, non hai nada", asegura.

José Ramón Gómez Besteiro CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.