Besteiro non descarta unha lista de integración con Pachi Vázquez para as primarias

Besteiro conversa con militantes CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

José Ramón Gómez Besteiro non desbota unha lista de consenso xunto ao actual secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, de cara ás primarias que prevén celebrarse no PSdeG. O presidente da Deputación de Lugo, e único candidato polo de agora á secretaría xeral, vén de asegurar nunha entrevista á Radio Galega que "estaría disposto a integrar" o aínda líder do partido de cara á consulta prevista para o vindeiro 1 de xuño.

Besteiro di que estaría "disposto a integrar" a Pachi Vázquez nunha lista conxunta

Así, Besteiro optou por un "liderado compartido", aínda que aclarou que habería que "preguntarlle a el (por Pachi Vázquez)" se estaría disposto a essa integración. "Hai que traballar para que a maior parte dos socialistas se sintan integrados", insistiu o líder dos socialistas en Lugo, que volveu defender as primarias, ao que definiu como "consulta", porque a militancia ten o dereito pero "tamén o deber de se expresar".

O líder dos socialistas de Lugo defende as deputacións e aposta por un proxecto "plenamente galeguista" para o partido

Ademais, e preguntado sobre se se ve con madeira de líder, Gómez Besteiro asegura que "polos feitos se coñecen as persoas". "Levo anos traballando dende as bases, pegando cartaces, colaborando... Ata gravei cuñas de radio", destacou o presidente da Deputación de Lugo, que volveu defender un proxecto "plenamente galeguista" para o PSdeG e que recoñeceu que houbo persoas que o animaron a se presentar a súa candidatura ao liderado do partido. Ademais, reivindicou a fortaleza do PSdeG na súa provincia. "Despois dos romanos, fomos os primeiros socialistas en gobernar Lugo", manifestou.

Ademais, e en canto ao futuro das deputacións, Besteiro teimou na súa forte defensa dunha institución que preside, malia a posición contraria amosada polos actuais líderes do PSdeG. "Namentras existan e non se mude a Constitución, debe garantirse que funcionen con total transparencia e cun interese unicamente local", asegurou.

Por outra banda, a deputada socialista de Ferrol, Beatriz Sestayo, tampouco se descartou este xoves para presentar a súa candidatura ao liderado do PSdeG. "Non hai que desbotar candidato ningún", asegurou. Sobre as súas posibilidades, non pechou ningunha porta. "Non o descarto", manifestou.

Besteiro, nun acto coa militancia de Lugo CC-BY-SA PSdeG Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.