Besteiro promete "un encontro anual aberto a toda a militancia" e Vázquez un PSdeG "con menos ataduras"

Vista do Comité Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Jose Ramón Gómez Besteiro e Manel Vázquez continúan en campaña de cara ás eleccións primarias que o PSdeG-PSOE celebrará o vindeiro 9 de setembro e incidiron nun partido máis "participativo" e aberto e "mais galego". Este domingo ambos os dous manterán un encontro coas Xuventudes Socialistas.

“Se son secretario xeral, haberá un encontro anual aberto a toda a militancia galega para compartir e debater as propostas das nosas bases”

Besteiro recolleu este domingo en Lugo os documentos finais dos grupos de traballo da militancia da provincia, creados tras o encontro Partido Aberto, Goberno Aberto. O candidato comprometeuse a trasladar este modelo de participación a toda Galicia. “Se son secretario xeral, haberá un encontro anual aberto a toda a militancia galega para compartir e debater as propostas das nosas bases”, afirmou.

Besteiro lembrou o seu compromiso con medidas orgánicas como a limitación de mandatos, o acceso da cidadanía ás contas anuais e electorais do partido no momento en que se presentan ao Tribunal de Contas, a elaboración dun Código Ético, a publicación de salarios en todos os niveis de goberno ou as sancións por incumprimentos. Tamén incidiu en medidas como a súa aposta por “facilitar as contribucións da cidadanía” con melloras como “a flexibilización das condicións para presentar iniciativas lexislativas populares” e repetiu o seu compromiso de organizar reunións sectoriais periódicas coa cidadanía e facilitarlles o acceso e a aportacións a través das novas tecnoloxías.

 

Manel Vázquez: "En Galicia somos maiores de idade para poder tomar as nosas decisións"

"En Galicia somos maiores de idade para poder tomar as nosas decisións, sobre este ou calquera outro asunto, pero semella que hai quen prefire deixarse tutelar por Madrid”

Pola súa banda, este domingo Manel Vázquez salientou que se é elixido secretario xeral promoverá un PSdeG-PSOE "máis galego, sen ataduras nas súas decisións". O alcalde da Illa de Arousa sinala que “os problemas de Galicia debemos resolvelos en Galicia. E as nosas decisións son plenamente soberanas, por tanto serán acatadas polos órganos centrais do partido” e engade que "en Galicia somos maiores de idade para poder tomar as nosas decisións, sobre este ou calquera outro asunto, pero semella que hai quen prefire deixarse tutelar por Madrid”.

Manel Vázquez tamén destaca que “defendemos unha estrutura de partido participativa de abaixo arriba, é dicir: serán sempre as bases as que tomarán as decisións plenamente soberanas, fronte ao modelo actual, no que unha cúpula decide o que quere sen escoitar ás bases, e ás veces fronte ao criterio da maioría da militancia”. Manel demanda igualmente unha "renovación urxente, profunda e real no PSdG", e que os socialistas "recuperen o espazo referente da esquerda en Galicia". Sinala que “o propio Einstein dicía que se o que fixen ata agora non funciona, terei que cambialo. Non podemos ser precisamente as e os socialistas os que nos amosemos reticentes ao cambio”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.