Besteiro quere “atopar na militancia” o seu equipo

Besteiro, nun acto coa militancia CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

O líder dos socialistas en Lugo e principal favorito para converterse no novo secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, inicia a recollida de avais á súa candidatura, tanto de forma presencial como a través da rede. As primarias consultivas do PSdeG celebraranse o 7 de setembro e polo de agora semella que Besteiro só terá como rival a Manuel Vázquez, alcalde da Illa. O prazo para a recollida de avais abriuse este luns e chegará até o 2 de agosto. Cada candidato deberá contar cando menos cun milleiro de avais.

As primarias consultivas do PSdeG celebraranse o 7 de setembro e polo de agora semella que Besteiro só terá como rival a Manuel Vázquez, alcalde da Illa

O presidente da Deputación de Lugo asegura que “quero facer da militancia o meu equipo”, e afirma que "cada aval que reciba" será “unha peza” do seu “compromiso”, a “garantía do cumprimento dos ideais socialistas” e “a sinatura dun vínculo coa militancia e coa sociedade a través da rendición de contas e da transparencia”. Gómez Besteiro pide “a confianza e apoio para ser candidato oficial á Secretaría Xeral do PSdeG cun novo proxecto compartido, integrador, galego e de esquerdas, no que a rexeneración democrática sexa o medio para acadar o verdadeiro fin do Socialismo: dar resposta á cidadanía como única alternativa sólida de goberno que somos fronte á dereita a dereita máis dura dos últimos 30 anos”.

Besteiro repite o seu “compromiso persoal” de non presentarse ao Congreso se antes non gaña a consulta coa militancia, para comezar a construción dun proxecto “de abaixo arriba”. Así mesmo, incide no seu obxectivo de “acadar apoios sen ataduras nin hipotecas” de ningún tipo. “A miña corrente é o PSdeG e o meu equipo, a militancia”, afirma o socialista.

“A miña corrente é o PSdeG e o meu equipo, a militancia”, afirma o socialista

Besteiro mantén o blog gomezbesteiro.com e o correo electrónico apoio@gomezbesteiro.com para facilitar o acceso ao seu proxecto e o envío de apoios a través de internet. O blog ofrece tamén o espazo #Falamos, no que a xente pode mandarlle mensaxes directas e privadas para comunicarse con el, e recolle un resumo do seu proxecto e eixos programáticos. O candidato tamén mantén activa unha conta de Twitter, @jrgomezbesteiro.

Besteiro, nun acto coa militancia CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.