Besteiro reclama o AVE a Lugo que Feijóo prometera facer con cartos da Xunta

Cargos socialistas reclaman o AVE para Lugo Dominio Público @psoelugo

Besteiro e o PSdeG exixen o AVE que o PP prometeu xa hai anos para Lugo e do que segue sen haber noticias. Nun encontro coa plataforma en favor dos servizos ferroviarios para a provincia, o secretario xeral dos socialistas galegos acusou o Partido Popular de "condenar" o territorio lucense "a unha desconexión coa rede de alta velocidade e as novas infraestruturas ferroviarias... Isto si que é unha desconexión clara", dixo nun xogo de palabras co proceso iniciado este luns en Catalunya. 

Besteiro, Patxi López e Lara Méndez denunciaron o abandono da provincia de Lugo por parte do PP

Besteiro estivo acompañado de Patxi López, secretario de Acción Electoral Federal do PSOE, e da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. O primeiro non dubidou en cualificar Lugo como "a provincia esquecida" e advertiu de que "non pode haber cidadáns de primeira e de segunda", xa que "o ferrocarril é a comunicación do presente e do futuro”. Mentres, a rexedora lembrou que “non hai un só euro de investimento previsto para a estación intermodal de Lugo nos orzamentos autonómicos e estatais" e insistiu en que "as infraestruturas crean país", "Lugo era un referente e hoxe deixamos de selo, pregúntome que lle fixemos os lucenses ao señor Feijóo”, asegurou. 

Todos fixeron referencia ás promesas incumpridas do actual presidente da Xunta. “Lembro cando na campaña electoral do 2009, Feijóo prometeu o AVE a Lugo, e dixo que sen non o facía o Estado faríao el”, afirmou Besteiro, que lamentou “os anos perdidos co goberno de Rajoy para as infraestruturas ferroviarias que esta provincia necesita, todo sen críticas por parte do xefe do Executivo galego". 

Besteiro lembroulle a Feijóo que prometera facer o AVE a Lugo, mesmo pagándoo a Xunta

Refírese Besteiro ao recordado mitin de quen aspiraba a desbancar o bipartito daquela e no que prometeu que, ao chegar á Xunta, garantiría a chegada do AVE a Lugo con fondos autonómicos. Seis anos despois, o proxecto esmorece aos poucos nos Orzamentos do Estado e, como era de agardar, nin apareceu polos do Goberno galego.

"Despois xa lle pasaremos a factura, pero a Xunta fará o AVE entre Lugo e Ourense", garantiu literalmente Feijóo mentres o auditorio lucense se desfacía en aplausos. A infraestrutura de alta velocidade era "básica" para Lugo e provincia, subliñaba o líder da dereita galega e, por iso, o PP ía "asumir, comezar e rematar" o proxecto. Íao facer, ademais, porque lle "sobraban" ganas de facelo. 

Por todo isto, o PSOE, segundo Patxi López, promete agora ser "a voz da plataforma en favor dos servizos ferroviarios". “O PP condenou a provincia de Lugo a non ter AVE, o goberno socialista tiña comprometidos numerosos investimentos na cidade, pero Rajoy meteunos nun caixón; Lugo necesita conexións ferroviarias e melloras urxentes para o tráfico de mercancías”, insistiu Besteiro, mentres todos os cargos socialistas manifestaban a importancia de "vertebrar o país". 

Ademais, o presidente da plataforma en favor dos servizos ferroviarios para a provincia de Lugo e da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, reclamou para a cidade “o que teñen as demais, somos a única capital de provincia sen consignación para a intermodal, sen trens de proximidade e sen tráfico de mercancías”.

A prol de tratar a Martínez como tránsfuga

Por outra banda, Besteiro asegurou que apoia a decisión do grupo provincial do PSdeG de iniciar a expulsión de Manuel Martínez e de remitir o seu caso á comisión antitransfuguismo xa que "votou co PP, en contra do seu grupo... E dous máis dous, sempre so catro. O líder dos socialistas galegos cre que o deputado díscolo da Deputación "non estivo á altura das circunstancias". 

"O posicionamento político está claro. Votou en contra do que di o grupo, pero ademais votou co PP, que politicamente sitúase nas antípodas do Partido Socialista", lembrou Besteiro, que cre que a posible "preocupación" na gobernabilidade da Deputación de Lugo debe afectar a todas as formacións. "Se todos están por construír cousas boas para os cidadáns, non haberá problema ningún. Se se está por destruír ou por condicionar sen xustificación determinadas actuacións na Deputación, parecerame mal", engadiu. 

Besteiro, Lara Méndez e Patxi López, en Lugo Dominio Público @psoelugo
Cargos socialistas reclaman o AVE para Lugo Dominio Público @psoelugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.