Besteiro renunciará a ser candidato á Xunta tras a nova imputación de De Lara

Besteiro, xunto a Pedro Sánchez, o xoves na Coruña © PSOE

Tan só unhas horas despois de compartir paseo con Pedro Sánchez polas rúas da Coruña, o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, decidiu borrarse do mapa electoral que marca eleccións autonómicas para o próximo mes de outubro. O secretario xeral do PSdeG comunicará este sábado á súa executiva a súa decisión de non presentarse ás primarias que decidirán o nome do candidato co que os socialistas se presentarán a uns comicios nos que quitarlle o poder ao PP presentábase como unha opción real. Os problemas coa xustiza de Gómez Besteiro acabaron por empurralo á rendición.

Besteiro  terá que declarar ante a xuíza Pilar de Lara o próximo 11 de maio para responder pola presunta comisión dos delitos de suborno, prevaricación, tráfico de influencias, fraude ás administracións públicas, fraude de subvencións e delito continuado de malversación de caudais públicos.

O PSdeG respondeu este venres á decisión xudicial emitindo un comunicado desde a Deputación provincial de Lugo no que se sinala que os delitos polos que se persegue ao socialista serían cometidos en época do Partido Popular. Fontes do PSdeG aseguran que "Besteiro está a ser vítima dunha persecución xudicial" pola titular do xulgado número de Lugo. O líder dos socialistas galegos tentou sen éxito que Ferraz lle permitise aforarse no Senado para que o seu caso pasase a mans doutro maxistrado. O PP impediu no Parlamento galego a votación para designar o do PSdeG como senador por mandato da Cámara.

O código ético do PSOE impide a inclusión de imputados nas listas e o acordo con C's tamén fai mención expresa a este punto

Chegados a este punto, Besteiro decidiu renderse e anunciar que non concorrerá ás primarias se no momento da súa celebración continúa imputado. Non podía facer outra cousa: O código ético do PSOE impide a inclusión de imputados nas listas e o acordo asinado por Pedro Sánchez e Albert Rivera tamén fai mención expresa a este punto.

O último movemento xudicial contra Gómez Besteiro prodúcese só unhas horas despois de recibir a visita e o apoio de Pedro Sánchez co que se fotografou visitando o mercado da praza de Lugo da Coruña este mesmo xoves.

O gran problema do PSdeG é que a ninguén se lle ocorre un nome que levar aos carteis electorais das próximas autonómicas. O popular Núñez Feijóo, cuxa candidatura tampouco está clara, ten na súa man xogar a baza dun adianto electoral que collería os socialistas co pé cambiado e sen marxe para buscar candidato.

Ferraz considera que o paso atrás de Besteiro é a única opción posible

En Marea, a opción na que o PSOE pensa como socio futuro para desbancar ao PP do poder, tampouco ten candidato. O panorama das eleccións galegas fala de cambio pero nunha enorme incerteza a poucos meses da cita coas urnas.

Ferraz considera que o paso atrás de Besteiro é a única opción posible. A contorna de Pedro Sánchez non quere que o problema galego se eternice e acabe por enturbar as negociacións para buscar un pacto de Goberno en Madrid.

José Ramón Gómez Besteiro ten previsto seguir á fronte do PSdeG, para evitar o nomeamento dunha xestora ou a convocatoria dun Congreso extraordinario. Ninguén na rúa do Pino, sede dos socialistas galegos, quuere arriscarse a realizar cambios profundos cando é o PP e o seu presidente Alberto Núñez Feijóo o que teñen o control dos tempos e vantaxe estratéxica de cara á celebración de eleccións.

Sánchez e Besteiro, nunha comparecencia en Santiago CC-BY-NC-SA PSdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.