Besteiro volve apremar a Pachi Vázquez e pide "non caer na compracencia"

Besteiro intervén nun intre da Executiva, presidida por Pachi Vázquez CC-BY-NC-SA PSdeG

Besteiro volve apremar a Pachi Vázquez. O secretario xeral do PSdeG en Lugo cre que o rearme do partido debe ser a prioridade canto antes, máis aló das intencións e manifestacións de cada un, e asegura que non se conforma "con que ao PP lle vaia mal". "Non me chega, nin me conforma, nin me reconforta. A min o que me preocupa é como o Partido Socialista se fortalece, como é útil á sociedade e como nos volven ver como un partido confiable e un mecanismo para solucionar os problemas que ten a maioría social deste país", asegura o presidente da Deputación lucense, que insiste en que a socieade "está desprotexida e é a gran damnificada da política dura de dereitas, de axuste e de restriccións do PP", polo que, "o que está esperando" é a recuperación da alternativa socialista.

"O PSOE non debe caer na compracencia de que lle vaia mal ao PP, ao que lle vai mal polas políticas que está a facer"

"Esa esquerda posible vén da man do PSOE”, engade Besteiro, que cre que  “o que hai que facer é ofrecer un futuro distinto” porque “a alternativa necesaria é o Partido Socialista, agora que a poboación vén de probar a medicina da política dura de dereitas”. En canto á renovación do líder do PSdeG e a posibilidade de que sexa elixido a través e primarias, o presidente da Deputación de Lugo di que non é "quen para dicir quen se ten que quedar á marxe". "A grandeza deste proceso é que todo o mundo pode presentarse, e a xente xulgará se esas persoas son referentes de futuro ou non, e iso o fan coa súa votación”, afirmou, pero advirte de que o partido "non debe caer na compracencia de que lle vaia mal ao PP, que lle vai polas políticas que está a facer". "Ten que irnos ben a nós para que lle vaia mellor á maioría social deste país, porque a maior parte da sociedade deste país está a sufrir, frente a uns poucos que por certo viven mellor que antes de que empezara a crise, paradojas de la vida”, ironizou.

Sobre a posible modificación dos estatutos para validar a fórmula de primarias, Besteiro cre que "todo cabe" e insta a "discutir o procedemento" para levalo a cabo", pero engade que quen pode aclarar "esas cuestións" é o actual secretario xeral, Pachi Vázquez, "que é quen pon enriba da mesa esta cuestión". "Efectivamente supoño que terá unha contestación axiña por parte de quen lle pode resolver esa cuestión”, respondeu ante as preguntas. “Eu teño a mesma posición e non a variei en absoluto. Creo que sería a decisión máis lóxica, que cada militante exprese o seu voto, e paréceme razonable que tal e como poden elixir candidato por primarias, poidan escoller con forza o secretario xeral”, rematou.

Besteiro intervén nun intre da Executiva, presidida por Pachi Vázquez CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.