Betanzos volveu ser o Ohio galego

Unha imaxe de Betanzos, lembrando a súa condición de capital dunha das sete provincias históricas de Galicia CC-BY-SA Trevor Huxham

Hemeroteca

Dende 1960, quen gaña en Ohio gaña as eleccións presidenciais nos Estados Unidos. Este Estado é un dos swing states que adoita cambiar de mans entre demócratas e republicanos e, curiosamente, sempre o fai na dirección do gañador final dos comicios. En España hai algunhas localidades nas que se vén dando esta mesma circunstancia (unha gran parte delas en Aragón), coincidindo o gañador nelas coa forza máis votada a nivel estatal. E en Galicia o noso Ohio é -dende hai bastantes anos- o concellos de Betanzos.

Sexa polo seu carácter de vila de mediano tamaño, entre o rural e o urbano, entre a costa e o interior... en Betanzos vén coincidindo non só o partido gañador das eleccións en Galicia (ata agora sempre fóra o PP), senón a distribución dos apoios entre unhas e outras forzas.  Así sucedeu nas eleccións xerais de 2015 e 2016 e así volveu ocorrer este domingo.

No conxunto de Galicia o PSOE obtivo o 32,1% dos votos, o PP o 27,4%, En Común o 14,5%, Ciudadanos o 11,2%, o BNG o 5,7% e VOX o 5,3%. E en Betanzos os resultados foron, na mesma orde: 32,9%, 25,3%, 14,6%, 12,1%, 5,8% e 5,4%. Apenas unhas décimas de desviación en cada candidatura, agás no PP, onde a diferenza foi de dous puntos.

Contan que o propio Manuel Fraga adoitaba esixir inmediatamente os resultados da vila betanceira ("Fáganme o test de Betanzos!”) para ter unha idea certeira do resultado final no conxunto do país

Nas xornadas electorais contan que o propio Manuel Fraga adoitaba esixir inmediatamente os resultados da vila betanceira ("Fáganme o test de Betanzos!”) para ter unha idea certeira do resultado final no conxunto do país. Hai uns anos a xornalista Carmen Cotelo publicou o libro Betanzos, magic town (Biblos), en referencia ao filme do mesmo nome protagonizado por James Steward. Cotelo concluía que en moitos aspectos, Betanzos é unha "cidade matematicamente perfecta", unha mostra fiel do universo galego, o que a leva a calcar os resultados electorais e as variacións no voto dos partidos.

No segundo gráfico pódese comprobar como dende o 2011 (en realidade este fenómeno vén dándose dende hai máis tempo), as diferenzas entre os resultados electorais de Betanzos e os do conxunto de Galicia son mínimas, se cadra cunha leve desviación cara á esquerda (sobre todo cara ao PSdeG-PSOE) na vila betanceira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.