Nas Ciencias Políticas repítese con frecuencia o dato de que nas eleccións presidenciais norteamericanas quen gaña no Estado de Ohio gaña tamén no conxunto do país. Así foi dende 1960. Ohio é un swing state, moi competido entre republicanos e demócratas e que adoita cambiar de partido dominante con frecuencia, casualmente sempre na mesma dirección que o resultado global. Esta circunstancia deu pé a que o equipo responsable do blog Piedras de Papel titulase Aragón es nuestro Ohio o libro no que analiza estes mesmos fenómenos en España. Nel destacan non só que quen gaña na comunidade autónoma de Aragón tamén o fai no conxunto do Estado, senón que ata estes comicios había 81 localidades nas que tamén se repetía esta circunstancia.
Nas xornadas electorais contan que o propio Manuel Fraga adoitaba esixir inmediatamente os resultados da vila betanceira para ter unha idea certeira do resultado final no conxunto do país
En Galicia tamén temos dende hai moitos anos o noso Ohio. Trátase de Betanzos, que adoita rexistrar en case todos os comicios os mesmos resultados que se acadan no conxunto da comunidade. Nas xornadas electorais contan que o propio Manuel Fraga adoitaba esixir inmediatamente os resultados da vila betanceira ("Fáganme o test de Betanzos!”) para ter unha idea certeira do resultado final no conxunto do país. Trátase dun fenómeno casual, pero non tanto. Betanzos é unha vila de tamaño medio (13 mil habitantes), nin urbana nin rural, unha localidade que pola súa composición social pode representar ben a totalidade de Galicia. Unha middletown cuxa estrutura humana e comportamento electoral foi estudado a fondo por Carmen Cotelo no seu libro Betanzos, magic town (Biblos), publicado o pasado ano co apoio do profesor de Estatística da UDC, Salvador Naya. A autora conclúe que, en moitos aspectos, Betanzos é unha "cidade matematicamente perfecta", unha mostra fiel do universo galego, o que a leva a calcar os resultados electorais e as variacións no voto dos partidos.
Betanzos é unha vila de tamaño medio (13 mil habitantes), nin urbana nin rural, unha localidade que pola súa composición social pode representar ben a totalidade de Galicia
Que sucedeu este domingo en Betanzos? Pois o mesmo que pasou no conxunto de Galicia. Os resultados na vila non só mantiveron a mesma orde (o PP foi a forza máis votada, seguida de En Marea, PSOE, Ciudadanos e Nós) senón que as variacións co respecto aos datos galegos foron mínimas. Así, o PP obtivo un 36,62% (en Galicia, 37,1%), En Marea un 25,38% (25,04%), o PSOE un 22.18% (21.33%), Ciudadanos un 9,24% (9,07%) e Nós un 3,74% (4,32%).
O PP obtivo un 36,62% (en Galicia, 37,1%), En Marea un 25,38% (25,04%), o PSOE un 22.18% (21.33%), Ciudadanos un 9,24% (9,07%) e Nós un 3,74% (4,32%)
Podería pensarse que os grandes cambios que se produciron nestes comicios, coa aparición de novas forzas e a maior fragmentación do voto levarían a un incremento das desviacións con respecto á media pero, de feito, sucedeu o contrario. Se observamos os datos das convocatorias electorais (agás as municipais) dende 2008, as eleccións do 20 decembro foron a cita nas que os resultados de Betanzos máis se parecen aos galegos. Iso si, a súa fiabilidade é abraiante en calquera dos anos analizados e na maior parte dos casos as diferenzas en cada candidatura son inferiores aos dous puntos porcentuais, e mesmo inferiores.
Curiosamente, Betanzos non aparece entre as 81 localidades que os autores de Piedras de Papel sinalan como os Ohio españois, nos que dende 1977 sempre coincidiu o partido gañador nas eleccións xerais. A vila do Mandeo tivo un pequeno fallo, en 2004, cando gañou o PP por catro puntos, fronte á vitoria socialista no conxunto de España. Nesa lista, en cambio, si aparecían outros tres concellos galegos nos que, dende os primeiros comicios, a candidatura gañadora fora a mesma que accedera ao Goberno, engadíndose a esta lista de magic towns. Trátase de Arteixo, Cambre e Redondela.
En Arteixo, Cambre e Redondela, onde dende 1977 sempre gañara o mesmo partido que no conxunto de España, desta vez a forza máis votada foi En Marea
En todo caso, nestas tres vilas, algo máis poboadas que Betanzos e máis próximas a grandes cidades, as diferenzas de voto cos resultados globais de cada candidatura foron en todas as convocatorias moi superiores. Ademais, se observamos os resultados rexistrados nas eleccións do domingo, vemos como os tres concellos veñen de perder esa condición de predictores do gañador final. Nos tres, curiosamente, a forza máis votada foi En Marea, que superou de forma clara o Partido Popular, con diferenzas de dous puntos en Arteixo, catro e medio en Cambre e case cinco en Redondela.
Non foron os únicos Ohios que deixaron de selo. Das 81 localidades que ata agora sempre rexistraran o mesmo gañador que o conxunto do Estado, tan só seis (Jaca, Villaquilambre, Ponferrada, Coca, Cogollos e Plasencia) o volveron facer. Os cambios políticos e a fragmentación do voto debuxaron un escenario moito máis mestizo e impredicible.