Bildu presenta o seu 'goberno', paritario, técnico e con novidosas carteiras

O equipo de goberno proposto por Bildu © Naiz.info

Nun acto publico celebrado en Donostia a coalición da esquerda abertzale revelou as once persoas que acompañarían a candidata a lehendakari Laura Mintegi, no caso de que a formación gañe as eleccións ao parlamento vasco que se celebrarán nos vindeiros meses. Este equipo caracterízase por ser paritario, formado por seis homes e seis mulleres, por estar constituído por persoas novas, cun perfil máis técnico que político e polas organización moi novidosa das súas áreas de goberno. 

Euskal Herria Bildu iniciou hai unhas semanas unha campaña de presentación comezando pola súa candidata a lehendakari, Laura Mintegi, e as súas primeiras propostas, enmarcadas baixo o lema Non imos para estar, senón para facer

Euskal Herria Bildu iniciou hai unhas semanas unha campaña de presentación de cara ás inminentes eleccións vascas, comezando pola súa candidata a lehendakari, Laura Mintegi, e as súas primeiras propostas, enmarcadas baixo o lema Non imos para estar, senón para facer (Ez egoteko, egiteko baizik). Ao acto de presentación, presidido pola frase Soluzio argiak (Tempo de solucións) acudiron dirixentes da esquerda abertzale como Rufi Etxeberria e Joseba Permach, o secretario xeral de EA, Pello Urizar; o coordinador de Alternatiba, Oskar Matute, e a secretaria de Organización de Aralar, Rebeka Ubera, entre outros.

Bildu propón un goberno formado por once consellarías, as mesmas que o Goberno vasco ten na actualidade, pero organizadas de forma moi distinta en moitos casos. Por exemplo, Xustiza e Interior pasan a ser xestionadas nunha carteira chamada Liberdades Cidadás, e que sería dirixida polo avogado Julen Arzuaga. De igual xeito, Agricultura, Pesca, Consumo e Comercio agrúpanse en Soberanía Alimentaria. Ademais, as competencias de asuntos sociais e emprego serán coordinadas pola consellaría de Xustiza Social.

A candidata de EH Bildu, Laura Mintegi, destacou que é "tempo de solucións" e de dar "respostas reais aos problemas reais" e remarcou que "todo aquel que quere falar de solucións atoparanos abertos ao diálogo para buscar consensos políticos"

Outra carteira novidosa é a de Igualdade de Oportunidades, dirixida por Beatriz Ilardia, que terá categoría de vicelehendakaritza e terá catro áreas de traballo: mocidade, pluralidade, participación e un novo modelo de relacións entre homes e mulleres. Normalización Lingüística terá departamento propio, mentres que Educación e Cultura compartirán área. Unai Pascual encargarase da consellería de Medio Ambiente e Xabier Olano de Economía e Facenda. Olano, actual director de Facenda de Gipuzkoa, foi alcalde de Altzo e xunteiro de Herri Batasuna e Euskal Herritarrok.

A candidata de EH Bildu, Laura Mintegi, destacou que é "tempo de solucións" e de dar "respostas reais aos problemas reais" e remarcou que "todo aquel que quere falar de solucións atoparanos abertos ao diálogo para buscar consensos políticos". Nesta liña, defendeu que a coalición quere "cambiar as inercias e modelos caducos".

O equipo de goberno proposto por Bildu © Naiz.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.