Blanco apártase da carreira por liderar o PSdeG e Novo Socialismo lanza a Iván Puentes

Blanco intervén ante Pachi Vázquez, nun Comité do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

O taboleiro interno do PSdeG aclárase un chisco máis ao despexarse un dos interrogantes que levan máis tempo sobre a mesa. Dende a caída do bipartito da Xunta en marzo de 2009 a posibilidade de que José Blanco regresase a Galicia para poñerse á fronte do partido estivo sempre presente. O daquela número dous do PSOE, nomeado pouco despois ministro de Fomento, era sinalado por moitos como o futuro líder do socialismo galego que lle disputaría a Presidencia a Alberto Núñez Feijóo. Pero a súa imputación no caso Campeón, baseada inicialmente nas acusacións do empresario e presunto líder da trama, Jorge Dorribo, freou unha carreira que o propio Blanco vén de ralentizar aínda máis. Este sábado confirmáballe a La Voz de Galicia que non concorrerá ao liderado da formación, "pase o que pase" co seu futuro xudicial. Mentres, o resto do partido segue a tomar posicións.

Con, ata o momento, unha única persoa que manifestou abertamente a súa intención de presentarse, José Ramón Gómez Besteiro, o colectivo Novo Socialismo Galego vén de dar un paso á fronte non designando formalmente un candidato, pero si nomeando unha "cabeza visible". O ex alcalde de Fene, Iván Puentes, de 32 anos, foi elixido portavoz nacional de NSG e a el corresponderalle a "presentación do proxecto para a renovación do socialismo galego no conxunto das comarcas de Galicia", explica o colectivo no que se encadran militantes e dirixentes como Xoaquín Fernández Leiceaga, Guillermo Meijón ou Mar Barcón.

Blanco non se presentará "pase o que pase" co caso Campeón

Como xa está a facer o líder dos socialistas de Lugo e presidente da Deputación desa provincia, NSG disponse tamén a "visitar nas próximas semanas" diversos puntos do país para "facer reunións coa militancia" nas que expoñer as súas propostas de cara ao Congreso Nacional do 6 de xullo. Son iniciativas "claramente de esquerdas, galeguistas e pensadas para renovar o partido -din-, e sobre todo para recuperar a ilusión da sociedade que espera un PSdeG que sexa alternativa de goberno". Á fronte deses encontros estará o propio Puentes, se ben Novo Socialismo insiste en que o seu é "un proxecto colectivo que ten por obxectivo liderar o cambio" no PSdeG.

Besteiro e Puentes manteñen encontros coa militancia á espera de saber se Vázquez tamén se presentará

A instauración estatutaria das primarias directas, "sen intermediarios", a supresión das deputacións provinciais ou o establecemento dun "código ético" a aplicar nos casos de corrupción son algunhas das iniciativas que Puentes vai explicar nestas presentacións, nas que tamén haberá lugar para a crítica á actual dirección; NSG considera "urxente a saída do impasse no que se atopa o PSdeG, xa que esta situación de interinidade lastra calquera posibilidade de construír unha alternativa política para Galicia, dende a esquerda e dende o galeguismo".

Con Besteiro e Puentes a falar coa militancia e o interrogante de Blanco despexado, resta por coñecer unha cuestión que non é en absoluto menor: se nas primarias consultivas de xuño e no congreso de xullo será ou non elixible unha alternativa encabezada polo nome do actual secretario xeral, Pachi Vázquez. Vázquez, que esta fin de semana mantivo un encontro con cargos e militantes en Ribadavia, non despexa polo momento as súas intencións mentres os diferentes sectores do partido non destacan que recunque nin tampouco que aposte por un proxecto non encabezado por si mesmo.

Blanco intervén ante Pachi Vázquez, nun Comité do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG
Iván Puentes, portavoz nacional de NSG CC-BY-SA NSG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.