Blanco confirma que participará na renovación do PSdeG

Ricardo Varela e José Blanco, no Comité Nacional © PSdeG

O deputado socialista no Congreso por Lugo, José Blanco, anunciou este venres que porá "enriba da mesa ideas e elementos" para "un proxecto alternativo, motivador, aglutinador e transformador de Galicia" unha vez "se abra o proceso" para renovar a cúpula do PSdeG.

"Hai que deixar de dicir que hai que falar de ideas e pór ideas enriba da mesa", asegura Blanco

"O partido ten un calendario e uns prazos e, cando se convoque o proceso, que non será antes do mes de xaneiro, será o momento de falar, de pór enriba da mesa cousas para facer por Galicia", subliñou, convencido de que "hai que deixar de dicir que hai que falar de ideas e pór ideas enriba da mesa".

En declaracións á Cadena Ser, o ex ministro deixou claro que a renovación que se debe dar no socialismo galego "non vai de proxectos persoais", senón "de ser capaces de construír un proxecto alternativo para ser un partido hexemónico en Galicia no ámbito do progresismo e do galeguismo". A partir de aí, unha vez "callen" os "proxectos", deberá definirse "cal é o mellor liderado". Iso si, segundo o seu criterio, ese "liderado" debe "ser capaz de transcender as barreiras do partido" e "ser un aglutinante desa sociedade progresista e galeguista".

En canto á súa dispoñibilidade, o que fora número dous do PSOE estatal explicou que non se trata de ter ou non ter ganas", senón de ver "que é máis útil" para a súa formación "nun momento no que é necesario dar un paso de renovación na política para tratar de responder e facer política do século XXI".

"Agora non serve pensar o ben que o fixemos, non serve ter nostalxia no que puido ser e non foi", defendeu Blanco, para quen ademais de "preservar o conquistado" débense pór en marcha "elementos transformadores" para acometer "unha renovación da política".

"A valoración da etapa de Pachi Vázquez xa a fixeron os cidadáns nas eleccións"

Precisamente, sobre a etapa de Pachi Vázquez á fronte do PSdeG, o ex ministro de Fomento declinou facer unha análise, tendo en conta que os galegos xa expresaron a súa opinión nas urnas. "A valoración xa a fixeron os cidadáns", remarcou. En canto ás eleccións, aseverou que traballou "intensamente" durante a campaña por lograr os mellores resultados para a súa formación. "Cría que Pachi (Vázquez) debía encarnar o futuro de Galicia e ser o seu presidente", sostivo.

En canto ao futuro, reflexionou sobre a importancia de "tratar de sumar ideas e persoas". "Temos que facernos fortes dentro, porque se sumamos persoas e ideas dentro, podemos gañar fóra", razoou. "Esa é a tarefa que temos, pero despois de que se convoque o congreso; porque antes, o que nos pide a xente, é responder a esta ofensiva conservadora e antisocial do Goberno do PP", concluíu José Blanco.

José Blanco e Pachi Vázquez, nun acto de partido CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.