Bloque e Compromiso confirman que se suman á manifestación unitaria do Día Nacional

Persoas promotoras do 25 de xullo cidadán CC-BY-SA Praza Pública

BNG e Compromiso por Galicia confirmaron este luns que se suman á convocatoria cidadá para a celebración unitaria do Día Nacional de Galicia o vindeiro sábado 25 de xullo. O voceiro do Bloque, Xavier Vence, e o secretario xeral de CxG, Xoán Bascuas, animaron á militancia das súas formacións a xuntarse á marcha que estará encabezada por representantes do colectivo convocante (Manifesto pola Unidade) e cidadáns "sen ningunha simboloxía partidaria". 

"Imos estar detrás desa pancarta encabezada por persoas que non representan a partidos políticos concretos senón ao conxunto do país", di Vence

“Imos estar detrás desa pancarta que vai encabezada por persoas que non representan a partidos políticos concretos senón ao conxunto do país", asegurou Vence, que cre que o lema elixido -A nación galega- expresará precisamente "iso":  "que moita nación galega vai estar detrás desa pancarta reivindicando os nosos dereitos nacionais como pobo”. O voceiro do BNG insiste en que a fronte quere "compartir c@s nacionalistas, organizados en forzas políticas e non organizados, que pensen que Galiza merece un apoio de todos e de todas para facer oír a súa voz, que queren ver recoñecidos os seus dereitos nacionais, que aspiran a que Galiza poda gobernarse de forma plena, ter soberanía para decidir sobre as cuestións que afectan á vida da xente deste país”.

"Manter o status de Galiza como nación en pé de igualdade co resto das nacións do mundo, respecto e normalización plena da lingua e cultura propias, dotarnos das ferramentas que permitan darnos un futuro esperanzador" son, segundo dixo Vence, “desexos compartidos” por moitos galegos e galegas e organizacións políticas. "Con todos, o BNG quere compartir ese día singular para reivindicar os nosos dereitos nacionais", engadiu. 

Bascuas chama á militancia de CxG e á cidadanía a acudir a unha marcha na que a súa formación non levará distintivo ningún

Pola súa banda, o líder de CxG, Xoán Bascuas, fixo un chamamento á "afiliación, simpatizantes e cidadanía" a participar nesta mobilización cidadá e unitaria e avanzou que a súa formación "renunciará a levar ningún tipo de distintivo". "A nosa achega será a título individual, como galegos e como galegas", insistiu o secretario xeral da formación galeguista, que tamén acudirá á marcha e que lembrou que posteriormente a esta mobilización desenvolveranse os actos partidarios de Compromiso no parque de Belvís, cun xantar con intervencións políticas.

Tamén, o BNG realizará o seu tradicional xantar na contorna da carballeira de San Lourenzo, nas inmediacións do recinto do Festigal. Xavier Vence asegurou en rolda de prensa que a formación continúa coa súa campaña de actos de celebración do Día da Patria por todo o país co obxectivo de “quentar motores” e conseguir “encher as rúas de Santiago nun día de festa reivindicativa dos nosos dereitos como nación”.

Así, o Bloque participará na habitual ofrenda floral de Galiza Nova no panteón de galegos ilustres a Castelao e Rosalía, e en todos aqueles actos de “sensibilización” para conseguir que o 25 de Xullo “sexa unha festa reivindicativa de todos e todas e unha mobilización masiva que encha as rúas de Santiago”.

Anova, pola súa banda, organiza un xantar no parque de Bonaval que incluirá intervencións políticas de seu e, se ben non apoiará como organización esta marcha, si prevé adaptar o seu horario ao da mobilización para permitir que os membros que queiran acudir poidan facelo, segundo confirman fontes consultadas. Cerna, grupo escindido de Anova, apoia a marcha para lograr "un auténtico Día da Patria non patrimonializado por ninguén" e convida a súa militancia e a cidadanía a participar na manifestación. 

Os impulsores da marcha procura na rede cidadáns para levar a pancarta principal da marcha do vindeiro sábado

Por outra banda, o grupo promotor da manifestación unitaria promove, a través da súa web, unha convocatoria aberta para que se anoten as persoas que queiran portar a faixa da cabeceira ou ir inmediatamente detrás. A única condición que sinalan para ocupar eses lugares é que non se poderán levar simboloxías partidarias ou que non responda “ao espírito inclusivo da convocatoria”.

Na faixa inicial poderase ler o lema A nación galega, sen logotipo nin marca ningunha. Os impulsores da iniciativa animan a organizacións, entidades, asociacións e a toda a cidadanía a participar nunha convocatoria “de unidade e multitudinaria”. Ademais, desde a páxina web tamén se poden descargar cartaces e logotipos.

Xavier Vence, voceiro nacional do BNG CC-BY-SA BNG
Bascuas, nun acto de partido CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.