BNG, Amaiur e ERC irán a foros internacionais se volve vetarse o debate da autodeterminación

Os deputados de Amaiur, BNG e ERC, no Congreso © BNG

Tan só uns días despois de que o PP prohibise o debate da proposición de lei conxunta de BNG, ERC e Amaiur sobre o dereito de autodeterminación, o voceiro nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, pediu este venres ás forzas políticas do Congreso que se desmarquen dos populares e apoien a admisión a debate da iniciativa conxunta presentada polas tres forzas soberanistas e que volverán presentar á Mesa do Congreso.

Amaiur, ERC e BNG esgotarán "todas as vías" antes de recorrer a foros internacionais

Amaiur, ERC e BNG explicaron nunha declaración conxunta en Bilbao que van esgotar "todas as vías" posibles no Estado para que se debata sobre o dereito de autodeterminación, pero advertiron que, de manterse a "censura" sobre esa cuestión, acudirán a foros internacionais para reclamar o seu recoñecemento. Os tres grupos lembran que, segundo o Tribunal Constitucional, as mesas dos parlamentos e do Congreso "nunca poden entrar no contido das iniciativas".

Guillerme Vázquez uniuse a esta petición na rolda de prensa xunto aos deputados de Esquerra, Alfred Bosch, e Amaiur, Rafael Larreina, para "expresar o rexeitamento á decisión do PP" desta semana de impor a súa maioría absoluta no Congreso para frear a admisión a trámite da iniciativa para o seu debate parlamentario.

"A soberanía dos pobos é hoxe fundamental para poder levar a cabo políticas económicas alternativas ás que nos está a impoñer a troika e que condenan ao empobrecemento á maioría da sociedade", asegurou o voceiro nacional do BNG, que insistiu en que "para ter soberanía, é necesario o dereito a decidir dos pobos, un dereito absolutamente democrático, e ao que non se lle poden poñer atrancos como fai o PP”.

"A decisión do PP é totalmente antidemocrática e emprazamos a todas as forzas políticas do Congreso a cuestionar esa decisión”

“Por iso, a decisión do PP desta semana no Congreso é totalmente antidemocrática e emprazamos a todas as forzas políticas do Congreso a cuestionar esa decisión”, insistiu. "Non se trata de buscar un proceso de negociación co Estado español ou de reformar a Constitución", senón o "recoñecemento do dereito que teñen todos os pobos do mundo á súa libre autodeterminación", engadiu Alfred Bosch, representante de Esquerra.

As tres forzas xa adiantaron nesta semana que recorrerán o veto do PP á tramitación da iniciativa sobre a autodeterminación, pero este venres ameazaron con recorrer a instancias internacionais. Os cinco representantes populares na Mesa votaran en contra da proposta, mentres que PSOE (3) e CiU (1) optaron por darlle saída ao texto. 

Os deputados de Amaiur, BNG e ERC, no Congreso © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.