BNG e Anova amosan disposición a unha celebración non partidaria do 25 de xullo

A manifestación, dende o escenario instalado na Quintana © BNG

BNG e Anova amosan disposición a unha celebración non partidaria do 25 de xullo. As dúas formacións difundiron senllos comunicados nos que se mostran abertos a unha "celebración unitaria" (BNG) e a unha "mobilización nacional convocada polo pobo galego” (Anova). Se o Bloque apbre a posibilidade de "modificar o tradicional formato do BNG nesa cita anual emblemática, que conclúe coa intervención política do máximo responsable da formación nacionalista na Praza da Quintana", Anova demanda "que as organizacións partidarias colaboren deixando a un lado as súas siglas para ceder o protagonismo ao estrato cidadán no sentido amplo, tanto na convocatoria, como no lema, na cabeceira e nas intervencións finais".

Nun comunicado o Bloque di "compartir" a proposta "xa expresada por diferentes voces do ámbito político, cultural e social do país instando a facer unha celebración unitaria do Día da Patria a todo o nacionalismo galego, organizado e non organizado, formacións políticas, colectivos, persoas a título individual e cidadanía no seu conxunto que compartan o sentimento de Galiza como nación". O BNG "fíxase como demanda política" para o 25 de xullo "a defensa dos dereitos nacionais de Galiza na perspectiva dun novo contexto que, previsiblemente, se abrirá no conxunto do Estado". Igualmente, celebrará a súa propia campaña por todo o país con actos festivos "arredor da idea da unidade de Galiza".

Pola súa banda, Anova entablará conversas "cos diferentes partidos que tradicionalmente convocan actos no día da patria" para coñecer "os posicionamentos de cadaquén" e valorar "se existe a vontade de participar nun 25 de xullo no que o protagonista sexa a cidadanía que integra a nación galega". De igual xeito, "conversará con diferente persoas que, na súa condición de cidadáns e cidadás, se teñen manifestado publicamente ao respecto". Antes, o 11 de xullo a formación celebrará unha Conferencia Política Nacional para concretar as liñas políticas de cara a afrontar o proceso das eleccións xerais, uns comicios que "deberían significar o desenlace do actual proceso deconstituínte para, como consecuencia, camiñar co horizonte posto nun novo proceso constituínte". Nesa Conferencia Política Anova "fará un exercicio de concreción colectiva no referente aos posicionamentos de mínimos e obxectivos políticos no contexto das eleccións ás Cortes".

Manifestación do Bloque na praza da Quintana CC-BY-NC GZFoto
Acto político de Anova polo Día da Patria Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.