BNG e Anova comezan a tender vías de colaboración

Xavier Vence e Xosé Manuel Beiras CC-BY-SA Praza Pública

Unha vez celebradas as súas respectivas asembleas nacionais o BNG e Anova comezan a explorar os xeitos de colaborar. Transcorrido máis dun ano dende a convulsa asemblea do Bloque en Amio ambas formacións veñen de celebrar un encontro ao máis alto nivel directivo para intercambiar impresións. Xavier Vence, Bieito Lobeira, Goretti Sanmartín, Xosé Antonio Rubal e Rafael Vilar, polo Bloque, e Xosé Manuel Beiras, Luís Eyré, Antón Sánchez e Carlos Méixome, por Anova, analizaron o panorama sociopolítico do país e as maneiras para tender pontes entre as dúas organizacións.

Pola banda do BNG esta xuntanza enmárcase nos "acordos adoptados na XIV Asemblea Nacional" no referido a "buscar a unidade de acción do nacionalismo como resposta á situación de emerxencia nacional e social que está a vivir Galiza". En Anova o encontro insírese na "rolda de contactos entre forzas nacionalistas e de esquerda que vimos mantendo nestas semanas". Dende ambos lados destacan un alto grao de coincidencia á hora de observar as "agresións que está a sufrir a maioría social da aplicación das políticas da Xunta, do Goberno central e da UE", así como da "agresión do capital financeiro contra a maioría social nos seus dereitos cívicos e nacionais".

Ambas formacións expuxeron as súas opcións para as eleccións europeas e acordaron manter novos contactos "en vindeiras datas"

Neste sentido Anova observa a "necesidade de establecer marcos de colaboración e manter canles de comunicación entre as organizacións nacionalistas e de esquerda de Galiza para atopar vías de unidade de acción fronte á crise e políticas de recentralización en defensa dos intereses do país e da maioría social". Todo isto, aseguran, "insírese na estratexia da fronte ampla" pola que apostan. Neste setnido, o Bloque concorda en que cómpre "avanzar na unidade de acción das forzas nacionalistas galegas co obxectivo de dar resposta á grave situación pola que está a pasar o país". Por iso a formación frontista valora "a conveniencia de manter canles estables de comunicación entre ambas formacións.

E a partir de agora, que? "Partindo desta análises", explica o BNG, na xuntanza tamén se abordou "a conxuntura social na que se van celebrar as eleccións europeas de 2014 e as distintas fórmulas consideradas por cada organización". Neste sentido, a formación encabezada por Xavier Vence ve "necesaria", como aprobou o seu Consello Nacional, "unha candidatura de unidade nacionalista". Anova admite tamén, tras a xuntanza, que se "produciu un intercambio de información sobre o abano de posturas que barallan ambas formacións sobre as eleccións europeas". Neste escenario, ambas delgacións "trasladarán ás respectivas direccións" os asuntos tratados na reunión e "proporán a continuación das conversas en vindeiras datas".

Xavier Vence e Xosé Manuel Beiras CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.