BNG e Anova denuncian a violación do dereito á presunción de inocencia de Silvia Casal

Comisaria de Ferrol Dominio Público CRTVG

BNG e Anova critican o procedemento policial levado a cabo para a detención deste muller, posta xa en liberdade sen cargos, e do seu home, por presunta vinculación con Resistencia Galega. O BNG denuncia que o Estado lle aplicou a Silvia Casal "unha lexislación de excepción, con grave violación dos seus dereitos humanos, con negación mesmo do habeas corpus". O Bloque anuncia que levará o caso ao Congreso e que pedirá explicacións ao Ministerio de Interior "pola violación dos dereitos desta persoa" e demandará que se depuren "as oportunas responsabilidades". 

"Comeza a ser un hábito a aplicación dunha lexislación suspensiva das garantías individuais e dos dereitos humanos que é máis propia de Estatos totalitarios do que de Estados democráticos"

Os nacionalistas afirman que "non estamos ante un feito aillado" e que "comeza a ser un hábito a aplicación dunha lexislación suspensiva das garantías individuais e dos dereitos humanos que é máis propia de Estatos totalitarios do que de Estados democráticos". Estas prácticas, segundo o BNG, deixan "na indefensión máis absoluta a persoas que son incomunicadas durante horas –neste caso 36- sen ningún tipo de protección legal nin asistencia xurídica". E engaden que estas persoas "con demasiada frecuencia acaban sendo postas en liberdade sen cargos ou absolvidas de toda culpa".

Anova rexeita "a lexislación especial que desvirtúa na práctica a presunción de inocencia"

De igual xeito Anova rexeita "a lexislación especial que desvirtúa na práctica a presunción de inocencia proclamada para todas e todos na Constitución Española". E pide a derrogación "de toda aquela lexislación que non respecte a presunción de inocencia que debe amparar a toda a cidadanía concernida por calquera proceso, acusación ou sospeita".

 

O xuiz decreta o ingreso en prisión do outro detido

O outro detido o pasado luns en Ferrol, Julio César Sayans Suárez, ingresou en prisión pola súa presunta pertenza a Resistencia Galega. Negouse a declarar esta mañá ante o xuiz da Audiencia Nacional Eloy Velasco.

Comisaria de Ferrol Dominio Público CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.