BNG e Anova: "O 9-N non é unha anécdota, é unha revolución democrática"

Membros do BNG e da ACGB, con Oriol Junqueras, de ERC Dominio Público @obloque

Ana Miranda, portavoz do BNG na Eurocámara e secretaria de Política Internacional da formación nacionalista, e Antón Sánchez, deputado de AGE no Parlamento e coordinador de Anova coincidiron en destacar a súa "grata sorpresa" polo "exercicio de civismo e revolución democrática levada a cabo polo pobo catalán" no proceso participativo desenvolvido este domingo en Cataluña. Ambos os dous formaron parte das delegacións de Bloque e Anova na consulta, na que participaron tamén como observadores internacionais.

    "Foi un proceso moi cívico, moi optimista e feito con moito rigor", di Ana Miranda

"Foi un proceso moi cívico, moi optimista e feito con moito rigor", asegurou a Praza Ana Miranda, que destacou "a normalidade" coa que "familias enteiras" acudían a votar desde as primeiras horas. "Malia a chuvia dalgúns momentos, aguantaron ata unha hora na fileira para exercer o seu dereito e había ringleiras longuísimas en moitas vilas e cidades", explicou a voceira nacionalista na Eurocámara, que destacou tamén a "heteroxeneidade" dos votantes. "Xente que falaba en catalán ou en castelán, persoas de orixe árabe...", resumiu logo de pasar toda a fin de semana en Cataluñae percorrer varias localidades, así como diferentes actos da Assemblea Nacional Catalana (ANC), ERC ou a CUP.

O mesmo fixo esta pasada fin de semana Antón Sánchez, que definiu como "moi emocionante" unha consulta na que se puido ver "unha sociedade votar e autoorganizarse masivamente". "Superou as miñas expectativas e nas rúas sentíase esa ilusión; foi todo un éxito", engadiu quen cre que "sempre é bo ver de preto as cousas para decatarte da versión falsa que desde algún lado se dá do proceso catalán". "É totalmente falso que isto estea dirixido desde arriba, senón todo o contrario: é algo creado desde abaixo", manifestou.

    "É falso que o proceso estea dirixido desde arriba; é algo creado desde abaixo", di Antón Sánchez

"Sorprendeume o civismo e o serio dun procedemento garantista; e se non houbo máis garantías foi porque se impediu que se fixese de maneira legal", engadiu Sánchez, que considera "un éxito" a elevada participación e que considera que superar os dous millóns nun referendo sen validez legal e con "todos os atrancos" que se lle puxeron supón unha elevada cifra.

"Estivo todo moi ben organizado porque a rede de voluntarios respondeu moi ben e con moita solidariedade. A ANC volveu demostrar que a sociedade civil catalá ten un grao de organización moi grande", resumiu Ana Miranda, que tamén destacou a "alta participación malia a chamada ao medo" desde o Goberno central e varios partidos políticos. "Os datos son bos, pero os cataláns, a democracia e o soberanismo xa gañaron ao ver tanta xente na rúa para exercer o seu dereito a decidir o futuro", insistiu a representante do BNG, que cre que o pobo catalán "deixou claro que non quere seguir como estaba, senón tirar cara a adiante".

"Esta consulta non é ningunha anécdota, senón unha revolución democrática; a sociedade civil desobedeceu, votou e demostrou que está viva e que quere cambiar as cousas", rematou Miranda, que cre que "o Estado, Rajoy e o PP deberían aprender da lección de democracia que deu Cataluña ao mundo".

Antón Sánchez e Xiana López, á súa chegada a Cataluña Dominio Público @Anova_irmandade
Membros do BNG e da ACGB, con Oriol Junqueras, de ERC Dominio Público @obloque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.