O BNG presentou as súas propostas en materia de igualdade e de loita contra o terrorismo machista nun acto celebrado na Coruña no que participaron as cabezas de lista por Ourense e Lugo, Noa Presas e Olalla Rodil, e tamén a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, que se declarou "farta dos machos alfa da política para os que as mulleres “son mero decorado de campaña”.
Pontón pediu o voto “para que o cambio sexa real tamén para as mulleres”, e explicou as principais propostas do Bloque
Pontón pediu o voto “para que o cambio sexa real tamén para as mulleres”, e explicou as principais propostas do Bloque. Entre estas medidas: penalizar as empresas que lles paguen un salario inferior ás mulleres que aos homes por igual traballo, incrementar os permisos de maternidade e paternidade para facilitar a conciliación familiar e laboral, a inclusión do termo feminicidio na lei para non deixar fora ningunha situación de violencia de xénero, e aprobar o estatuto da vítima de terrorismo machista. Pontón criticou así mesmo que no debate de 180 minutos entre os catro aspirantes a presidente do Goberno “ningún dos catro magníficos dedicou nin un só minuto” a falar das súas propostas en temas de igualdade e violencia de xénero, “pese ao asasinato continuado de mulleres e a que cada día hai 300 denuncias por malos tratos”.
Olalla Rodil fixo fincapé na discriminación laboral e salarial que padecen as mulleres. Advertiu contra os “teitos de cristal” e denunciou que hai traballadoras que son despedidas por quedar embarazadas, unha situación que se agravou “coas políticas neoliberais que aproveitan a crise para cargar sobre as mulleres o coidado dos dependentes e das persoas maiores, devolvéndonos ao papel de coidadoras”. Por iso, “no BNG apostamos pola igualdade de feito, e por iso loitamos na rúa e nas institucións”, concluíu.
Presas instou as mulleres “a protagonizar a vida política e tomar os centros de decisión, porque non estamos en política para ser as primeiras damas de ninguén”
A cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, instou a condicionar un goberno sen maiorías absolutas que se “comprometa en serio coa erradicación da discriminación e das prácticas sexistas tamén na esfera pública, que asuma que somos as mulleres as únicas que temos dereito a decidir como e cando queremos ser nais, independentemente da idade que teñamos”. Presas instou as mulleres “a protagonizar a vida política e tomar os centros de decisión, porque non estamos en política para ser as primeiras damas de ninguén”, concluíu.
O acto foi conducido pola actriz e candidata número dous pola Coruña, Isabel Risco, que participou no acto vestida de época como homenaxe as “mulleres coraxudas” que iniciaron a loitan pola igualdade e tamén como denuncia de que a situación de discriminación e violencia de xénero continúa como en temos pretéritos “e temos que loitar desde todos as frontes para combatela e erradicala, como foi o BNG”, subliñou.
