Bombeiros e concellos revelan incendios forestais que a Xunta oculta

Incendio de Ribas de Sil, o único do que informou a Xunta durante o martes, 18 de xullo Dominio Público Brif Laza

A chegada das chuvias e a baixada das temperaturas eliminou este mércores o risco de incendios na fachada atlántica do país. Non sucede o mesmo, no entanto, no cadrante sur-oriental do territorio galego, co centro e o sur da provincia de Lugo e a práctica totalidade da de Ourense en risco alto, moi alto ou extremo, segundo o índice diario da Consellería de Medio Rural. Ese mesmo departamento gobernamental mantén un ano máis unha política informativa que implica non informar por iniciativa propia de moitos dos incendios que atinxen aos montes galegos, a cal dá lugar a situacións paradoxais como a deste pasado martes, cando a Xunta deu conta dun único incendio mentres bombeiros urbanos e forestais e mais concellos afectados informaban de varios máis.

Dende que, co retorno do PP ao Goberno, Medio Rural suprimiu a difusión dos partes diarios que recollían todos os incendios, o procedemento anunciado para dar contas dos efectos do lume implica que a Xunta informa por iniciativa propia dos que superan as 20 hectáreas ou, por baixo desa dimensión, dos que se achegan a áreas poboadas ou a espazos naturais protexidos. Así, o criterio da superficie foi o aludido pola Consellería para, no serán deste martes, indicar que na parroquia de San Clodio do Concello de Ribas de Sil se declarara un incendio superior ás 20 hectáreas. A seguinte actualización informativa, pouco antes das 9 da mañá do mércores, daba conta dunha dimensión cinco veces maior: máis de 100 hectáreas e 21 brigadas a traballar na zona para tentar controlalo valéndose de 13 motobombas e a asistencia de 9 helicópteros.

Todo semella indicar que o incendio de Ribas de Sil, o segundo do que informa a Xunta para o público en xeral dende o inicio do período de alto risco, foi o maior dos declarados este martes, pero non foi o único, toda vez que as lapas atinxiron a máis montes, nalgúns casos achegándose a zonas habitadas. Nas contornas das dúas cidades máis poboadas de Galicia, A Coruña e Vigo, producíronse incendios de pequenas dimensións pero con influencia en vías principais de comunicación dos que Medio Rural non informou, aínda que si o fixeron efectivos que traballaron na súa extinción e os gobernos locais dos municipios afectados.

Ao carón de vías principais de comunicación

Os incendios da Coruña e Moaña provocaron cortes na terceira rolda e no Corredor do Morrazo, respectivamente

No caso da Coruña o incendio aconteceu na contorna das Rañas, á beira dun dos viais de acceso ao complexo comercial Marineda City e ao polígono de Agrela, moi preto da terceira rolda, que tivo que ser cortada por mor do fume. A orixe das lapas, segundo avanzou o goberno local, foi unha faísca procedente dos traballos de soldadura dun valo publicitario. Os bombeiros coruñeses e o propio consistorio publicaron información ao respecto e especificaron que, ante o risco de espallamento do incendio por mor do forte vento, ademais dos medios terrestres municipais, actuaron na extinción dous helicópteros dependentes da Consellería de Medio Rural. A Xunta non informou desa actuación.

Autoridades locais de ambos municipios si informaron dos incendios

Poucas horas antes un incendio semellante, de escasas dimensións pero moi próximo a unha importante vía de comunicación, mobilizaba os equipos de emerxencia en Moaña, á beira da ría de Vigo. O lume queimou apenas unha hectárea de monte na contorna de Meira, pero o feito de que actuasen na zona oito brigadas e, sobre todo, un hidroavión e un helicóptero -segundo informou Faro de Vigo-, provocou cortes de tráfico no transitado Corredor do Morrazo. O Goberno galego tampouco incluíu datos ao respecto no seu parte, no que só figurou o incendio de Ribas de Sil. Mentres, o Concello de Moaña si informou ao respecto.

Tres máis no sur de Lugo

En Monforte as lapas achegáronse ás casas e a unha igrexa

Lonxe de vías de comunicación principais estiveron outros tres incendios que, como o de San Clodio, tamén tiveron como escenario o sur de Lugo, pero dos que a Xunta non deu conta. Xornalistas de medios locais como El Progreso, axentes forestais e brigadistas a través das redes sociais confirmaron uns sucesos dos que, conforme á devandita política informativa, Medio Rural só ofrece datos se se pregunta especificamente por cada lugar en concreto. No caso dun destes incendios, o declarado na parroquia monfortina da Vide, as lapas comezaron en dous focos diferentes e puxeron en risco varias casas e unha igrexa.

O dispositivo contra incendios tivo que actuar tamén na propia xornada do martes cando menos en dous puntos máis. Un foi no Saviñao, nun incendio que comezara na xornada do luns, revelado por axentes forestais e mais brigadistas que actuaron na zona. Outro, na parroquia de Toldaos, en Pantón, produciuse o propio martes nunha zona arborada e foi controlado por medios aéreos.

Incendio da Coruña, na contorna do polígono de Agrela Dominio Público Bombeiros da Coruña
Un vehículo de axentes da Xunta no incendio do Saviñao Dominio Público Aprafoga
A extinción do incendio de Moaña obrigou a cortar o Corredor do Morrazo Dominio Público Policía Local Moaña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.