Foi unha das cifras máis observadas ao longo da xornada electoral do 21 de outubro e mesmo unha das máis cuestionadas a posteriori. A abstención, non só entendida en sentido estrito -persoas que non foron votar- senón tamén estendida a quen si votou pero non o fixo por partido ningún ou ben pola candidatura denominada Escaños en blanco (EB) é unha das principais preocupacións das forzas políticas que tentaron, sen éxito, minimizala durante a campaña. Así e todo as cifras son elocuentes e atendendo aos resultados provisionais dos comicios é posible afirmar que unha cifra próxima á metade do corpo electoral opta, por acción ou omisión, por non decidir directamente a composición do Parlamento de Galicia.
Co voto emigrante aínda sen cuantificar -neste censo a abstención é moi alta pola implantación do voto rogado- os rexistros oficiais amosan que acudiu ás urnas o 63,80% do electorado e que, polo tanto, non o fixo o 36,20%. Pero este dato, xa preocupante por si só, é aínda máis revelador se é analizado xunto a outros: os dos votos brancos e nulos e mais os dos sufraxios que foron parar ao devandito partido Escaños en blanco, que tiña como única e rechamante proposta non ocupar os escanos que puidesen lograr para así protestar contra o actual sistema político. EB obtivo 17.116 votos que supoñen o 1,19% do total. Se a estes se engaden os 38.410 votos en branco e os 37.472 nulos dá como resultado 92.998 persoas que participaron activamente no proceso sen optar por ningunha opción de representación real.
Neste contexto, eses máis de 90.000 votos supoñen xa unha virtual quinta forza política do Parlamento que, se puidese ver traducido o seu apoio electoral na Cámara, estaría ao bordo de lograr o grupo parlamentario propio -cinco escanos-. Ao tempo, estes votos sumados á bolsa de electorado propiamente abstencionista, cifrado pola Xunta en 832.678 persoas, supoñen que 925.676 persoas decidiron, por motivos diversos, non apoiar a ningún partido ou coalición electoral.
A difícil interpretación da abstención
Pero, que significan estes números? Son a tradución electoral da desafección política que amosan as enquisas? Trátase dunha mestura de descontento e desleixo cara á cousa pública? Sexa como for, o certo é que ao longo da campaña electoral todas as forzas políticas tentaron, en maior ou menor medida, espantara pantasma da abstención. Así, por exemplo, dende o PSdeG o seu candidato apelaba ás persoas enfadadas polos recortes para advertir de que "un país non se cambia chorando, cámbiase votando" e instalas a convertir as papeletas electorais na "mellor pancarta". Pola súa banda, o BNG animaba a "concentrar" o voto nas súas candidaturas como mellor mostra de rexeitamento aos recortes do PP. Pola súa banda, Alternativa Galega de Esquerda formulou como principal reto electoral mobilizar o voto que tiña decidido ficar na abstención, "activar o electorado desencantado".
Feijóo di que o PP "representa tamén aos que non foron votar" porque "mandaron unha mensaxe"
Tamén o PP apelou durante a campaña electoral á participación, se ben non tan directamente ao votante potencialmente descontento. Si o fixo a posteriori por boca do propio Alberto Núñez Feijóo. Sen mención ningunha aos máis de 130.000 votos que os conservadores deixaron polo camiño o 21-O, o actual presidente en funcións aproveitaba a xunta directiva do seu partido para animar os seus deputados e deputadas a representar o conxunto do país, especialmente "aos cidadáns que sofren esta crise" e "tamén aos que non foron votar". "Os que decidiron non participar mandaron unha mensaxe" que o PP, asegura, sabe "interpretar" porque ten o apoio da "maioría social" e tamén porque é "galeguista", dado que "a maioría dos galegos nos votan". Pola súa banda PSdeG e BNG tentan procurar entre os abstencionistas parte das causas dos seus respectivos descensos. A incógnita e o abano de interpretacións semella seguir aberto.