Con bucinas, ruído na área de servizo do Burgo e o pagamento da peaxe no Guísamo con moedas de céntimo. Así reclamou o BNG a gratuidade da AP-9 nun acto simbólico de protesta na que pediu a "transferencia" desta infraestrutura que, segundo o candidato do Bloque pola Coruña, Carlos Callón, debe ser "xestionada desde Galiza para deixar de pagar as peaxes máis caras do Estado".
“É unha estafa que viaxar entre Ferrol e Tui percorrendo 200 quilómetros sexa o dobre de caros en peaxes que os 600 quilómetros que separan Vigo de Madrid”
“É unha estafa que viaxar entre Ferrol e Tui percorrendo 200 quilómetros sexa o dobre de caros en peaxes que os 600 quilómetros que separan Vigo de Madrid”, lembrou Callón, que denunciou a “amnesia selectiva, cando non puras mentiras, das forzas estatais, que en campaña prometen sobre a AP-9 o que non levan nin nos seus programas electorais nin defenderon no Congreso ao longo desta mini lexislatura fracasada, pese a que tiñan unha maioría para facelo”.
O BNG pediu a todos os deputados e deputadas portavoces galegos que presentaran como iniciativa propia dos seus grupos parlamentarios a transferencia da AP-9, recollendo tanto a petición do Bloque como a demanda unánime da Cámara galega. “Todos dixeron que non, algúns nin tiveron a educación de responder a carta remitida pola portavoz nacional, Ana Pontón. Iso é o que lles importan os intereses dos galegos e das galegas a eses deputados que están as ordes de Rajoy, Sánchez, Rivera ou Iglesias”, denunciou.
As peaxes da AP-9 son, para Callón, unha “estafa legalizada que debe ser transferida para camiñar cara a unha progresiva gratuidade”
Para Callón, as peaxes da AP-9 son unha “estafa legalizada que debe ser transferida para camiñar cara a unha progresiva gratuidade posto que está amplamente amortizada”, ao tempo que cualificou de “despropósito político” que nun país cos salarios e as pensións moi por debaixo da media “teñamos que pagar as peaxes máis caras do Estado”.
Así, comprometeuse a facer no Congreso aquilo que sempre defendeu o BNG, reclamar a transferencia da AP-9, xestionala desde co obxectivo de conseguir a súa gratuidade. “A miña única obriga é cos galegos e coas galegas e non teño que pedir permiso a ningunha cúpula madrileña para dar a cara polos intereses da xente deste país”, rematou.