Caballero sitúa o PSdeG como referencia nas locais fronte aos "problemas de xestión" doutras forzas

Gonzalo Caballero intervén no Comité Nacional do PSdeG © PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu "apoio e orientación" a toda a militancia socialista para que o partido sexa o "mellor instrumento" para o cambio en Galicia e poida "facer fronte" aos gobernos da dereita nas vindeiras eleccións municipais.

Aos catro meses de asumir as rendas do PSdeG, Gonzalo Caballero aproveitou a primeira reunión do Comité Nacional do PSdeG en dous anos para chamar á unidade, tender a man ás bases e chamalas a construír un "exercito de cambio" de cara a estes comicios locais. "Eu son un instrumento político ao servizo do partido e tedes que axudarnos a que este instrumento sexa o mellor para cambiar Galicia", dixo ante os 300 socialistas que acudiron á cita en Santiago. Nela estiveron os catro secretarios provinciais da formación ou alcaldesas como a de Lugo, Lara Méndez. Quen non estivo foi o rexedor vigués, Abel Caballero, aínda que si xente da súa confianza. 

Caballero reivindica o PSOE como esquerda nas municipais fronte á dereita e aos "problemas de xestión dos partidos que emerxeron doutras forzas de esquerda"

Caballero instou a todos os presentes a "pór a organización a funcionar" de cara ás municipais para as que cre que "os socialistas son a referencia" fronte a "os gobernos da dereita que non conseguen consolidarse cando chegan" e ante os "problemas de xestión" dos que "emerxeron doutras forzas da esquerda".

"O Partido Socialista é a esquerda en Galicia e en España", reivindicou Caballero, para advertir de que "só cando o PSdeG foi capaz de liderar un proxecto alternativo houbo cambio en Galicia". Por iso cre que o novo PSdeG, construído "con orgullo", sexa a alternativa que Galicia necesita" ante un goberno autonómico que a fai "ir a menos".

"A tarefa do gran xestor Feijóo deixa unha Galicia que vai a peor", lametnou o líder socialista, que acusou o presidente da Xunta do "desmantelamento da sanidade". Así, reclamou que o PSdeG dea "unha resposta de esquerda e socialista" para Galicia que se sustente en grandes eixos como a necesidade dunha política económica activa, medidas efectivas para o medio rural, así como unha política social que reduza as desigualdades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.