Caeu o paro polos contratos masivos para loitar contra os incendios?

Brigadistas de Medio Rural, ante un helicóptero © Inaer

Caeu o paro en Galicia durante o mes de agosto por mor da desgraciada vaga de incendios? Iso é o que asegura Xavier Vence, voceiro nacional do BNG, que cualifica de "positivo" o descenso do desemprego rexistrado no mes pasado, pero que advirte de que esa caída "non reflicte unha reactivación da actividade económica, como pretende facer crer o PP a base de propaganda".

"O descenso do paro está motivado polos contratos para loitar contra a vaga de lumes", di Vence

"Ese descenso está motivado polos contratos para loitar contra a vaga de lumes", di Vence, que sitúa este número en máis de 3.000. O paro rexistrado descendeu en Galicia durante o mes de agosto en 3.578 persoas, mentres que o número de afiliados á Seguridade Social no país aumentou en case 4.000 persoas no mes pasado, un 0,43%.

O voceiro nacional do Bloque aclara que no mes de agosto se formalizaron máis de 3.000 contratos de brigadistas e persoal de loita contra os incendios por parte da Xunta, dos concellos, así como das empresas contratadas para a extinción de lumes. "Unha contratación masiva que explica a case totalidade do recorte do paro rexistrado do mes pasado", explica Vence, que ve na lamentable vaga de lumes a causa da baixada do desemprego no país.

O BNG cifra en máis de 3.000 os contratos asinados en agosto para loitar contra o lume; o paro rexistrado descendeu en máis de 3.500 persoas

“O irresponsable triunfalismo do PP non se xustifica co dato de paro rexistrado de agosto que, lamentablemente, non ten nada a ver coa recuperación económica, senón coa masiva contratación de persoal por parte da Xunta e dos concellos para loitar contra a vaga de lumes”, insistiu Vence, que sinalou tamén o "desánimo dos que buscan traballo pero que xa non se apuntan nas oficinas de emprego porque o consideran inútil ou a emigración dos mozos que non computan no paro rexistrado" como as outras causas "que terminan de explicar" o dato de agosto.

“Evidentemente, é positivo que o paro rexistrado baixe e así o valoramos desde o BNG, pero concluír que ese dato implica unha recuperación da economía é pura propaganda do PP e do Goberno da Xunta, e supón un insulto á intelixencia, en particular para os milleiros de galegos e galegas que sofren o drama do desemprego”, conclúe Vence.

Xavier Vence, voceiro nacional do BNG © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.