"Se isto non fose tan grave, sería unha comedia de situación". O presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, define deste xeito o proceso xudicial no que se atopa inmerso a causa da demanda interposta contra el polo xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián. O líder do colectivo de defensa da lingua propia sentará o vindeiro día 10 no banco dos acusados para responder por un presunto delito de inxurias. A causa non é outra que censurar unhas declaracións do maxistrado na que asegurou "non ter ningún rubor" en empregar a "ilegalidade" do topónimo La Coruña nun documento oficial.
O propio Callón lembra para Praza Pública que a orixe deste lixitio xorde no momento en que "un veciño pide a documentación en galego" nun proceso legal e "o xuíz lle pon trabas". "O veciño denúnciao publicamente, o xuíz pon trabas, dende A Mesa lamentamos o esperpento e o xuíz presenta unha denuncia contra min". Pero esa peculiar "comedia de situación" non rematou aí, salienta. "Cando eu fun tomar declaración", o nacionalista Carlos Aymerich "criticouno, e denunciouno tamén". "Parece unha comedia", reitera, "denunciados por dicir que os xuíces teñen que cumprir a lei.
Este é o escenario previo ao xuízo do día 10, que se celebrará como produto dunha apelación de Fraga Mandián, xa que "nun comezo, xulgado e Fiscalía foron favorábeis a arquivar a denuncia". Ata ese día A Mesa continuará recollendo apoios para o manifesto Queremos xustiza para a nosa lingua Non á criminalización da súa defensa! e na propia xornada do xuízo celebrará unha concentración diante dos xulgados da coruñesa rúa de Monforte.