Camiño do 25N: A análise da campaña catalá

Artur Mas, durante o mitin inicial de campaña © CiU

Vén de comezar a campaña electoral en Catalunya. A carreira cara ao 25 de Novembro, data senlleira para o futuro do país, deu comezo nesta semana. CiU parte como gran favorita e como gañadora virtual dos comicios, pero quedan moitas incógnitas que despexar. En primeiro lugar, saber a porcentaxe de cataláns que apostan polo bloque soberanista (CiU-ERC-ICV-SI-CUP). En segundo lugar, o resultado (catastrófico, segundo as enquisas) do PSC de Pere Navarro. En terceiro lugar, se Solidaritat continúa na Cámara catalá e se as CUP obteñen representación nas súas primeiras eleccións autonómicas. E, por último, se PP e Ciutadans mobilizan totalmente aos sectores ultra e anti-independentistas.

CiU parte como favorita, pero hai moitas incógnitas, como a onde chegará o afundimento do PSC ou canto sumará o bloque soberanista

O blog Praza Catalunya fai un percorrido polas campañas das diferentes formacións políticas que concorren aos comicios máis importantes para o pobo catalán nas últimas décadas. A bitácora de Praza Pública analiza as propostas, os espazos webs dos candidatos e, en definitiva, o que ofrecen e como o ofrecen os partidos.

"Artur Mas preséntase como o Moisés bíblico guiando os cataláns, mentres o PP aposta polo discurso nacionalista español para subsistir en Catalunya"

O informe fala dun Artur Mas que se presenta como "o Moisés bíblico, coas táboas da lei, guiando os cataláns ata Canaán, a terra prometida", mentres o PSC de Pere Navarro aposa polo que denomina "a utopía do federalismo" e o seu risco dun "inevitábel descalabro". Ademais, o Praza Catalunya considera que o PP aposta pola radicalidade porque "necesita do discurso nacionalista español para subsistir", ao tempo que ERC se presente como "alternativa aos socialistas" pero coa "independencia como máximo obxectivo".

Por outra banda, para a bitácora, ICV "está á ser valente nun marco político a priori adverso para os únicos federalistas de verdade que había no arco parlamentar catalá", mentres que Solidaritat, orfo de Joan Laporta, preséntase "co único punto programático da independencia". Ademais, Ciutadans é considerado a volta do "lerrouxismo radical da República e do primeiro terzo de século para acabar converténdose na versión do Juntos Podemos da política catalá". Xorde tamén no panorama electoral CUP (Candidatura d'Unitat Popular), que se presenta por primeira vez aos comicios, e que está avalada "por un éxito espectacular en moitísimos municipios do país" e que quere "ser alternativa a ERC e a SI cun programa de esquerda real moi atractivo en momentos de crise".

Consulta aquí a información completa sobre a campaña electoral catalá.

Alicia Sánchez-Camacho, candidata do PP © PP
Cartel electoral de ICV © ICV

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.