Cando Feijóo prometeu buscar "un emprego aos estudantes" dende os concellos

Feijóo, nun mitin en Santiago con Rajoy na súa etapa na oposición © PPdeG

Hai oito anos Galicia estaba, como agora, inmersa na precampaña das eleccións municipais. Aquela carreira electoral tiña para o PP galego unha dupla función: tentaba amosar fortaleza na primeira cita coas urnas dende a chegada de PSdeG e BNG á Xunta e, ademais, realizou unha caste de xira de presentación do seu novo líder, Alberto Núñez Feijóo, polos diferentes concellos do país. Nalgúns dos actos daquelas semanas Feijóo estivo acompañado por Mariano Rajoy, que se preparaba para enfrontarse a José Luis Rodríguez Zapatero por segunda vez. Este foi o contexto no que o actual presidente da Xunta lanzou todo un paquete de promesas sociais que, oito anos e moitos recortes despois, contrastan notablemente coa realidade.

Boa parte daquelas propostas para o ámbito municipal foron lanzadas por Feijóo nun mitin en Santiago, compartido con Rajoy e presentado como "acto dedicado á militancia". Alí o actual presidente presentou as promesas do seu partido para "familias, xóvenes, maiores e política". No ámbito da mocidade Feijóo lanzou dúas promesas concretas que, asegurou, serían aplicadas polos gobernos municipais que lograse encabezar o PP: a xente nova tería "primado" o "acceso ás parcelas dos polígonos industriais municipais" e "crearemos un servizo especializado en facilitar a procura dun emprego aos estudantes". Oito anos despois é certo que se desenvolveron diversas iniciativas no ámbito da busca de emprego, pero non se coñece a creación do devandito "servizo especializado".

"Crearemos un servizo especializado en facilitar a procura dun emprego aos estudantes", prometeu o actual presidente naquela precampaña municipal

Naquel mesmo acto Feijóo tamén ligou o seu partido á transparencia. Poucos meses despois da entrada en vigor da primeira Lei de Transparencia en Galicia o líder conservadores aseguraba que "no noso programa está a política", a do "político comprometido, que cumpre e é honrado". "Por iso -asegurou- faranse públicas na páxina web do Concello, ao día seguinte de acordarse, todas as adxudicacións de obras municipais, así como os convenios urbanísticos, ao día seguinte da súa sinatura". Esta publicación, no que atinxe aos contratos, realízase con normalidade nas cidades, pero desaparece en gran parte dos pequenos concellos, tamén nos gobernados polo PP.

Feijóo lanzaba todas estas medidas e culminábaas cunha "promesa solemne": "Non imos rachar nin unha soa páxina do noso programa electoral". "Cumprirémolo contra vento e marea, pase o que pase, caia quen caia", prometeu. "Non defraudaremos" e "non faremos gobernos municipais para derrotar a ninguén, senón para gobernar para todos", porque "a aqueles que gobernan á contra, ao final todo se lles volve na contra", augurou.

Convite ao BNG para "completar maiorías"

Naquel mitin de Compostela Feijóo lanzou tamén unha promesa alén do programa electoral. No marco do que, cos anos, tornaría nunha constante nos seus discursos, quen daquela era líder da oposición en Galicia censurou con dureza a formación de gobernos de coalición entre PSdeG e BNG e prometeu non gobernar "en contra dos que non nos votaron nin en contra doutro partido". "Só gobernaremos se somos a lista máis votada", afirmou.

Feijóo pedíalle ao Bloque que fose "xuíz intelixente da política galega"

No entanto, poucos días despois das eleccións municipais, a comezos de xuño, Feijóo modulou esta promesa. Dado que socialistas e nacionalistas non se sumaran e non renunciaran a conformaren maiorías alí onde puidesen -daquela PSdeG e BNG acadaran un pacto global de apoio mutuo- o PP desvinculábase da promesa de gobernar só onde fose o máis votado e aproveitaba, asemade, para tentar abrir unha fenda nos socios de goberno da Xunta. Por iso o actual presidente dirixíase daquela ao Bloque para pedirlle que axudase ao PP a "completar as maiorías", escollendo ser así "xuíz intelixente da política galega" no canto de "parche do PSOE". Aquela oferta foi desbotada polo Bloque ás poucas horas.

Feijóo, nun mitin en Santiago con Rajoy na súa etapa na oposición © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.