Cando o PP esixía "falar de política" tras os incendios

Fernández-Couto e Quintana, ante un helicóptero de extinción © Xunta

"Señorías, agora é o momento de falar de política. O Goberno debe asumir as súas graves responsabilidades, e a oposición debe colaborar cun goberno responsable. Se isto é así, lle daremos un bo servizo ao país, se non é así, evidentemente non faremos un bo servizo ao país". O 5 de setembro de 2006 o daquela líder da oposición parlamentaria, Alberto Núñez Feijóo, retrucáballe deste xeito ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que comparecía na Cámara para abordar a crise incendiaria dese verán, a peor en case dúas décadas. "Unha vez controlado o lume é o momento de falar de política", resumía Feijóo. Sete anos despois, o Goberno galego, de novo en mans do PP, apela a desligar política e incendios.

Apenas dúas semanas despois do peor da vaga de lume o sucesor de Fraga á fronte do partido conservador aproveitaba a tribuna parlamentaria para "felicitar o pobo galego", porque "foron os cidadáns e o pobo os que venceron os criminais do lume e supliron a incompetencia do Goberno", espetaba. Tras esa introdución Feijóo fustigou dialecticamente a coalición de socialistas e nacionalistas por crearen un gabinete de crise demasiado tarde, porque "aínda non cobrou ningúen un euro" de axudas, porque houbera "carreteras, autovías, vías rápidas e corredores cortados". "O Goberno non estivo", resumía, pero a "soberbia" de Touriño impedíalle admitilo e, moito menos, cesar o titular de Medio Rural.

En 2006 o actual presidente esixía "falar de política" pola "incompetencia" da Xunta

Doce días despois daquel debate o PP levaba ás rúas de Compostela a centos de dirixentes e milleiros de afíns tras as pancartas de Sós contra o lume, o colectivo auspiciado polos populares e presidido por un deles, o alcalde de Barro, José Antonio Landín. Despois de ofrecerlle a Touriño no Parlamento a elaboración do "pacto forestal que este país necesita" os conservadores tentaban sacar politicamente a espiña que levaban cravada dende os tempos de Nunca Máis. Durante a marcha, na que mesmo se chegou a presionar notablemente á prensa menos afín ao PP que a cubría, Feijóo e Rajoy situáronse ante os xornalistas para censurar a "incompetencia e ineficacia" da Xunta e esixir, de novo, as dimisións de Touriño e Suárez Canal.

Chamamento a non falar de política

No polo oposto das actitudes daqueles días de 2006 están as declaracións dos altos cargos do Goberno galego neste 2013. Nos últimos días, nos que o lume arrasou paraxes como o monte Pindo, o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto -que xa ostentou a responsabilidade de Montes con Fraga- apelaba a desligar os incendios da política da Xunta. Unha cousa e a outra non teñen "nada que ver", asegura o alto cargo. Na mesma liña, a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, insiste en poñer o foco en que se o monte arde é porque alguén lle prende lume e o propio presidente, diante e detrás das cámaras, insiste en que o importante é "apagar os lumes" e, xusto despois, "aos incendiarios".

Feijóo pon agora o acento en "loitar contra os incendiarios co mesmo valor coa que os brigadistas apagan os lumes"

Neste contexto, este sábado Feijóo tomaba a palabra nun mitin do seu partido en Ames, preto de Santiago, para proclamar que "todos temos que loitar contra os incendiarios co mesmo valor e firmeza coa que milleiros de brigadistas apagan os lumes". Para o presidente, que deste xeito participou na "apertura do curso político" do PP da Coruña, cómpre "combater aos que atentan contra o noso patrimonio natural, arrasando a nosa riqueza forestal e poñendo en risco as casas e as vidas da nosa xente".

Mentres o presidente lanzaba esta mensaxe dende a oposición púñase o acento na necesidade de dotar de máis recursos á prevención e á extinción. Así, a voceira de medio ambiente do PSdeG, Patricia Vilán, lamentaba o "nulo compromiso do Goberno do PP coa protección do territorio, que provocou que tivésemos que ver o Monte Pindo, integrado na Rede Natura, envolto nas lapas". Para a socialista resulta "inexplicable" que Feijóo "insista en destacar o dato positivo de que o número de hectáreas está moi por baixo doutros anos". Dende o BNG o seu portavoz nacional, Xavier Vence, coida que a vaga incendiaria xa ten o país "nunha situación límite" e "dantesca" ante a que son necesarias "medidas extraordinarias", a comezar por "máis medios de loita contra o lume", que veñan "como sexa e onde sexa". "Ten que facelo antes de que a súa política de recortes deixe Galiza reducida a cinzas", di.

Feijóo, no Parlamento como líder da oposición © Vieiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.