Cando o PP renunciou a mudar a lei electoral a última hora

Rajoy, con Negreira, Feijóo e Louzán en Vilanova de Arousa © PP

O 27 de agosto de 2012,  hai exactamente dous anos, Alberto Núñez Feijóo remataba de esfollar a margarida do adianto electoral. Tras varias semanas de ruxerruxe o presidente da Xunta, previas xuntanzas con Mariano Rajoy e cos seus baróns provinciais, dirixíase con solemnidade ao país para anunciar que, "polo momento de extraordinaria dificultade económica", anticipaba medio ano os comicios. Con esta decisión o xefe da dereita en Galicia provocaba múltiples efectos, entre outros, o torpedeo a unha oposición que intentaba recompoñerse e que, na maior parte dos casos, non tiña nin candidatos. O adianto tamén implicaba renunciar a unha reforma electoral de última hora, tal e como pretende agora novamente o PP, pero cos concellos no albo.

A reforma electoral que os populares aparcaron daquela non era outra que o recorte do Parlamento, de 75 a 61 escanos, que dous anos despois aínda tramitan no lexislativo galego. Feijóo comezara a axitar a proposta en pleno verán, á calor dunha iniciativa semellante de UPyD en Madrid que Esperanza Aguirre asumira como propia, e ao longo de varias semanas o seu partido amosábase disposto a acometer a modificación por trámite de urxencia e en solitario, toda vez que a oposición, daquela formada por PSdeG e BNG, vía na reforma un intento de "amaño" electoral e mesmo de "golpismo". As razóns esgrimidas polo PP eran diversas, dende un suposto aforro ata o "simbolismo" pasando por utilizar os salarios dos deputados que se eliminasen para pagar gardarías.

Esta era a conxuntura, desdén ás minorías incluído, cando Feijóo decidiu adiar un plan reconvertido en xaneiro de 2014 en proposición de lei do PP, a cal acumula xa sete meses de tramitación. Á espera de que a tesoira acabe de pasar polo Parlamento de Galicia o partido da gaivota activou dende Madrid a maquinaria para explorar a posibilidade de executar outra reforma electoral, moito máis gorentada polo propio Feijóo: a ilegalización dos gobernos municipais de coalición. De novo, un cambio das regras do xogo a menos dun ano da cita coas urnas.

En 2012 Feijóo axitou a reforma durante varias semanas e dous anos despois aínda a está a tramitar

Igual que fixera en 2012 o PPdeG o gabinete de Rajoy emprega dende hai semanas a prensa para colocar globos sonda ao respecto, tanto para concretar aos poucos algo da letra pequena da reforma -pasaron de propoñer o goberno da lista máis votada a suxerir que se primará coa maioría absoluta a quen obteña o 40% dos votos- como para lanzar declaracións máis ou menos altisonantes. Así, o PPdeG saúda con entusiasmo a iniciativa mentres preme internamente para que Rajoy non recúe e ilegalice de vez as que denomina "coalicións populistas". Mentres, outros cargos do sector máis moderado apelan ao "consenso" e, máis alá, representantes como o deputado no Congreso Pedro Gómez de la Serna botan man da pirotecnia dialéctica e cualifican de "golpe de Estado" os pactos postelectorais de forzas políticas diferentes ao propio PP.

O PP dá en cualificar as coalicións de "golpe de Estado" e busca a CiU para aprobar a reforma

Con estas cartas sobre a mesa e sabendo que o PSOE de Pedro Sánchez non está disposto a negociar ao respecto cando restan tan poucos meses para as eleccións só resta saber se Rajoy manterá a súa aposta ata as últimas consecuencias. O temor a coalicións no ámbito da esquerda e ao efectos de novas forzas como Podemos está nun lado da balanza e, no outro, a imaxe que podería proxectar un golpe de man deste calibre realizado en solitario. Por iso, precisamente, o PP busca agora a CiU como compañeira de viaxe, un pacto que noutrora sería doado pero que agora está condicionado polo proceso soberanista catalán. Cabe, polo tanto, a posibilidade dunha retirada no último minuto. Non sería a primeira vez.

Feijóo anuncia o adianto, o 27 de agosto de 2012 © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.