Cando Rueda 'defendeu' a Cacharro para atacar a Besteiro

Besteiro, no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

O pasado domingo o presidente da Deputación de Lugo e líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalaba nunha entrevista na Cadena SER que, "se fose presidente da Xunta, reuniríame periodicamente cos xefes da oposición" e lamentou que Alberto Núñez Feijóo non tendese esas pontes de "diálogo" coas forzas parlamentarias do país. Apenas vinte e catro horas despois o vicepresidente do Goberno galego e home forte do PP galego, Alfonso Rueda, saíu en tromba contra Besteiro e a súa "falta de credibilidade", establecendo unha comparación entre o "diálogo" que exerce a Xunta co da Deputación lucense, institución gobernada ata 2007 polo que fora barón popular, Francisco Cacharro Pardo.

"Estaría ben que iso que di que faría se fose algunha vez presidente da Xunta podería aplicalo onde goberna", mantivo Rueda, quen na súa condición de conselleiro da Presidencia é tamén o encargado da relación da Xunta coas entidades locais. O goberno provincial lucense, acusa, "non se caracteriza precisamente polo seu diálogo coa oposición, senón todo o contrario". Un día despois, este martes, a Deputación de Lugo e o propio Besteiro aproveitaban o paralelismo de Rueda, "o enviado do señor Feijóo", para repasar os cambios na gobernanza da entidade dende a era Cacharro e ata a actualidade.

Nestes sete anos, explican, as "numerosas medidas de rexeneración e modernización" aplicadas fixeron que a institución lucense "pasase de ser declarada oficialmente como hostil e entorpecedora" por parte do Valedor do Pobo a "situarse como a sexta deputación" do Estado "máis transparente", segundo a ONG Transparencia Internacional. Os orzamentos participativos, as liñas de cooperación cos concellos que antes "non existían", a información trimestral do prazo de pago a provedores ou a aprobación dun "Regulamento Orgánico para garantir a transparencia" son, segundo a Deputación, mostra dos cambios aplicados neste período.

"A Deputación pasou de ser declarada hostil e entorpecedora a ser a sexta máis transparente"

A xuízo de Besteiro, se o obxecto da comparación son o Parlamento e a Xunta a "distancia" no que atinxe ao "funcionamento democrático" é "sideral". "A Deputación dá resposta ás peticións de documentación" do PP "nun prazo de cinco días", afirman. Así, mentres "Núñez Feijóo deixou sen responder seis de cada dez preguntas presentadas pola oposición en 2013", "Besteiro contestou 126 de 143 solicitudes dende 2011". Do mesmo xeito, "a oposición pasou a estar en todas as mesas de contratación" e a Xunta de Voceiros, que "nunca se reuniu nos 24 anos do PP agás nas tomas de posesión", agora "convócase para todos os asuntos de importancia". Na banda contraria, lamenta o socialista, "o funcionamento do Parlamento de Galicia cada vez está máis afastado da cidadanía e máis afastado das prácticas democráticas".

Besteiro, no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.