Cara a onde volve Anxo Quintana?

Rolda de prensa de Quintana, organizada polo CPXG CC-BY-SA Praza Pública

"Cando un toma a decisión de falar non pode negarse a responder". A comezos deste mes de outubro o ex vicepresidente da Xunta e antigo portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, rompía un silencio público de algo máis de tres anos, os que pasaron tras a súa renuncia á acta de deputado e que realmente eran cinco, os transcorridos dende as eleccións autonómicas de 2009. Tras unha conferencia en Ourense Quintana protagonizou algunha entrevista na prensa e este xoves participou nun acto organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que inicia unha xeira de encontros informativos con dirixentes políticos do país. Quintana volve, cando menos, á vida pública. A pregunta que xorde é se ese retorno se dirixe a algún lugar máis e, en todo caso, con que fins se produce.

O que fora líder do Bloque evidencia que leva media década alleo á acción política partidaria e institucional, pero "eu nunca deixei a política". "Estiven calado, pero non xordo nin mudo" e agora volve falar "como un cidadán máis, pero coa posibilidade de poder convocar" a prensa. Para falar, de que? Esencialmente, de "dúas preocupacións": o "proceso de desgaleguización da política galega" e que "Galiza non existe como suxeito político" no panorama estatal mentres "os procesos abertos en Catalunya e Euskadi" levan, "necesariamente, a un cambio da estrutura territorial do Estado".

Galicia, di, "é un país" por, entre outras cousas, ter "un sistema político propio" que agora tende a tornar nunha "extensión da política española", cun debate entre "a dereita e a esquerda nas súas múltiples versións" no que "o nacionalismo, o galeguismo político" pode quedar fóra. Pero "os problemas de Galiza non se van resolver porque en España goberne a dereita ou a esquerda" nin tampouco cun presidente, Alberto Núñez Feijóo, para o que Galicia é unha caste de "arresto domiciliario" que abandona as fins de semana para "percorrer España falando de si mesmo e facéndolle a pelota a Mariano Rajoy".

Á procura dun "instrumento" para "canalizar ideas"

Co diagnóstico sobre a mesa, a Quintana chovéronlle as preguntas sobre as súas intencións. Non racha o silencio para "volver á política institucional", para propiciar unha batalla interna no BNG -o cal, di está "dando respostas"- ou para "crear ningunha forza política", que xa "hai partidos dabondo". "Na medida" en que as súas ideas sobre a desgaleguización e os problemas de Galicia "sexan compartidas e non só unha elucubración persoal", haberá "que dotarse de instrumentos" para permitir "cauces de participación", "canalizar ideas" e ofrecer "respostas aos problemas". Non sería un "instrumento partidario", insiste, senón máis ben un "movemento cívico" que, polo momento, non é máis ca "un futurible que ao mellor non se dá".

O ex vicepresidente amósase disposto a promover un "movemento cívico" que aborde a "desgaleguización" da política galega

Neste contexto, Quintana evita as críticas tanto ao Bloque como ao resto de formacións do nacionalismo e centra a orixe das principais problemáticas políticas do país "no PP, e en complicidade co PSOE", xa que "os demais fan o que poden". El, simplemente, está "convencido de que hai unha maioría social que se identifica co país" e explora o xeito de converter ese "nobre sentimento en compromiso con Galiza". Se a resposta que obtén a súa iniciativa ten "masa crítica" suficiente, ese "instrumento" por definir chegará a materializarse. En caso contrario, o ex vicepresidente seguirá dedicado en exclusiva á súa empresa, na que como "pequeno autónomo" con sede na Coruña, colabora con outras compañías na súa internacionalización sen que exista relación ningunha co Brasil ou grandes construtoras, aclara. "Especulouse" coa súa vida persoal porque "fun un personaxe público", pero "calei, porque me tiña que dedicar a traballar", conclúe. Polo momento, deixa varias incógnitas políticas sobre a mesa.

Anxo Quintana, este xoves en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.