Cara á unha candidatura de unidade en Vigo?

Vigo, coa ponte de Rande ao fondo CC-BY-SA juantiagués

O proceso de conformación de candidaturas cidadás para as vindeiras eleccións municipais non foi doado en ningunha cidade. Mesmo naqueles lugares nos que a confluencia entre distintas forzas políticas, plataformas e colectivos sociais se produciu máis rápido e con -en aparencia- menos friccións, houbo constantes negociacións, pactos e algunhas cesións antes de acadar a buscada converxencia. Noutras cidades e vilas o proceso foi moito máis complicado e a pouco máis de tres meses para as eleccións as candidaturas aínda non están decididas. Vigo, onde funcionaron nos últimos meses tres plataformas cidadás en paralelo, é un dos exemplos de maior dificultade para o éxito da iniciativa.

Porén, o mesmo tempo que corre na contra destas candidaturas semella estar forzando nas últimas semanas o entendemento entre os distintos actores. Tanto, que a semana que vén boa parte das dúbidas que levan meses pairando sobre a política viguesa poderían estar resoltas. As ao redor de tres mil persoas inscritas en Podemos en Vigo votarán a partir deste venres, entre o 20 e o 25, se queren que Podemos Vigo "apoie ou impulse unha candidatura de unidade popular na cidade”. En caso de resposta afirmativa, votarán de novo entre tres opcións: sumarse/apoiar a Marea de Vigo, facelo coa plataforma de recente creación Vigo en Común ou impulsar unha nova candidatura cidadá baixo a forma dunha agrupación de electores.

As ao redor de tres mil persoas inscritas en Podemos en Vigo votarán a partir deste venres se queren que Podemos Vigo "apoie ou impulse unha candidatura de unidade popular na cidade”

A consulta e os seus  foi aprobada este luns polo Consello Cidadán de Podemos Vigo. O secretario xeral de Podemos Vigo, José Manuel Prieto, afirmou tras a convocatoria que "a nova política é dar a palabra ás viguesas e aos vigueses. Facer partícipe a cidadanía das decisións que van influír no seu futuro". Ademais, sinalou “a oportunidade que temos de presentar un proxecto cidadán en confluencia cos movementos sociais, asociacións e sociedade civil, que poña fin á política de despachos e intereses persoais e permita aos vigueses e ás viguesas recuperar a súa cidade".

Os inscritos en Podemos votarán entre tres opcións: sumarse á Marea de Vigo, á plataforma de recente creación Vigo en Común ou impulsar unha nova candidatura cidadá baixo a forma dunha agrupación de electores

Hai unhas semanas representantes da Marea de Vigo e de Gañemos Vigo (Vigo en Común aínda non existía) presentáronlle ao círculo local de Podemos Vigo as súas propostas para a articulación da candidatura cidadán, así coma o traballo que levaban desenvolvido ata ese momento. Os responsables de Podemos querían coñecer se as dúas plataformas cumprían coas liñas vermellas fixadas polo documento político-organizativo da organización, comezando por listas abertas, a elaboración dun programa colaborativo, un proxecto aberto a toda a cidadanía, ou o establecemento dun límite salarial para o alcalde e concelleiros. A dirección local de Podemos amosouse, en principio, "satisfeita" coas dúas propostas e recoñeceu que a Marea levaba feito "un traballo moi importante", mentres que o proceso de Gañemos estaba menos avanzado.

 

A Marea

A unidade era o obxectivo declarado por todos os grupos, e a frase de "é moito máis o que nos une que o que nos separa" foi repetida unha e outra vez. Non era o programa -cuns mínimos comúns relativamente claros- senón a fórmula escollida para a candidatura (coalición, partido instrumental, agrupación de electores...) ou a escolla dos e das candidatas (primarias abertas ou con algún tipo de corrección) o que ata agora dificultaba a unidade. Unha das condicións de Podemos para participar en calquera plataforma é, por exemplo, que esta se presente aos comicios como agrupación de electores, para evitar o que denominan como sopa de siglas. Pola contra, outras forzas, comezando por EU ou Anova, apostan pola fórmula de partidos, para poder así "dar a batalla nas Deputacións cunha coalición instrumental".

A Marea de Vigo foi dende a súa creación, o pasado verán, a plataforma máis activa das varias que existiron na cidade. Porén, a súa configuración e percorrido non estiveron completamente claros ata que o pasado 29 de xaneiro celebrou a súa III Asemblea, na que debateu e aprobou a fórmula legal para concorrer ás eleccións e tamén o seu modelo de primarias. A asemblea rexeitou a fórmula da coalición de partidos, e apostou por unha fórmula mixta entre a creación dun partido instrumental e a agrupación de electores, deixando abertas polo momento as dúas opcións. A pasada semana a Marea legalizou o partido instrumental e conformou un equipo para a necesaria recollida de sinaturas para a constitución da agrupación de electores, que só se pode realizar nos prazos fixados pola lei electoral. Dende a plataforma indican que, no caso de que non se puidesen reunir no prazo indicado as sinaturas esixidas, optaríase pola opción do partido instrumental, e se se acadan as sinaturas, decidirase entre as dúas fórmulas.

A asemblea da Marea rexeitou a fórmula da coalición de partidos, e apostou por unha fórmula mixta entre a creación dun partido instrumental e a agrupación de electores, deixando abertas polo momento as dúas opcións

Tamén se decidiu que o prazo para a presentación de candidaturas ás primarias se abriría do 20 ao 26 de febreiro e que as votacións se celebrarían do 8 ao 15 de marzo; nelas poderán votar todas as e os residente en Vigo que asinen o manifesto da Marea ata dez días antes das votacións. Cada votante poderá apoiar un máximo de 6 candidatos e candidatas, dun total de 27, "de xeito que se garanta a pluralidade na lista resultante". A persoa máis votada será automaticamente elixida como cabeza da lista e polo tanto candidata á alcaldía. O nome da candidatura será decidido en asemblea.

A Marea celebrará este xoves 19 a súa IV Asemblea no café De catro a catro. Na xuntanza debaterá o Compromiso ético, que regula as funcións dos futuros cargos públicos da Marea; o Programa electoral, que se articula baixo cinco eixos: Radicalidade democrática, control do público, xestión económica ética e popular, planificación e modelo de cidade, loita contra a corrupción e cooperación entre concellos; e o Protocolo de Primarias Abertas, "que regula o proceso de xeito que garanta a maior pluralidade na Marea, así como o correcto desenvolvemento da campaña e votacións, baixo o principio de equidade".

Dende a Marea confían en acadar a confluencia con Podemos, salientando que son a única plataforma na que están traballando persoas inscritas en Podemos Vigo e que, ademais, son a única das candidaturas cidadás que recibiu unha valoración positiva do círculo local.

Dende a Marea confían en acadar a confluencia con Podemos, salientando que son a única plataforma na que están traballando persoas inscritas en Podemos Vigo e que, ademais, son a única das candidaturas cidadás que recibiu unha valoración positiva do círculo local. En calquera caso, lembran que a decisión será de todas as persoas inscritas, polo que o resultado está aberto. Noutras cidades galegas, coma A Coruña, a participación na Marea Atlántica das inscritas e inscritos en Podemos foi máis intensa e numerosa dende o comezo, o que fixo máis doado o proceso. Destacan, así mesmo, que aínda que o obxectivo é gañar as eleccións municipais de maio, "o traballo máis importante comezará despois", cando será necesario continuar e fortalecer o traballo cidadán, para "fiscalizar" e controlar o labor do goberno e elevar propostas dende a base.

Esquerda Unida apoiou dende un comezo o proceso da Marea, o mesmo que outras forzas que forman parte de AGE, coma Anova ou Espazo Ecosocialista, así coma varias persoas inscritas en Podemos. Hai uns días o coordinador local de EU, Rubén Pérez, renovou o seu apoio público á Marea, instando as forzas de esquerda e movementos sociais a pechar "canto antes" unha candidatura de unidade popular que poida evitar un novo goberno de Abel Caballero. Pérez pediu "altura de miras" a todos os partidos para que nesta candidatura se reflicta "o espazo existente na cidade, non para que estean presentes as siglas no Concello".

A Marea celebrará este xoves a súa IV Asemblea, na que debaterá o Compromiso ético, o Programa electoral e o Protocolo de Primarias Abertas

Pola contra, quen parece que nos últimos días descartaron a súa participación na Marea ou noutras candidaturas cidadás foron Equo e Pirata.gal, que chegaron a un acordo para formar en Vigo unha coalición electoral. Porén, nunha nota de prensa sinalaban que "dita coalición estará aberta a medrar coa suma doutros partidos, asociacións e persoas a título individual, así coma a estenderse a outros concellos da provincia de Pontevedra". As persoas candidatas nesta coalición serán elixidas en primarias abertas.

 

Vigo en Común

Vigo en Común, pola súa banda, iniciou este luns o seu calendario de reunións cos diferentes colectivos sociais, veciñais e sindicais da cidade. Estas reunións, destacan os seus responsables, "terán como obxecto presentar a iniciativa a cidadanía, recoller os avais e fomentar a participación da mesma na construción do programa electoral coas propostas que se recollan nas diferentes asembleas que se celebrarán en tódolos barrios de Vigo". Francisco Riveiro, membro do grupo promotor de Vigo en Común, sinala que ao remate deste proceso "iniciarase o contacto coas diferentes organizacións políticas co fin de acadar acordos de confluencia para construír unha candidatura unitaria que agrome das forzas sociais e políticas da cidade co obxecto de reconquistar e recuperar o concello para a cidadanía".

Vigo en Común, pola súa banda, iniciou este luns o seu calendario de reunións cos diferentes colectivos sociais, veciñais e sindicais da cidade

Este grupo promotor está formado por "activistas sociais e cidadáns con en sen militancia en diferentes organizacións e colectivos" e "partindo deste colectivos e de diversas loitas" busca "exercer de forza motriz impulsora do proceso inicial e coa ollada posta na futura confluencia de todas as iniciativas". Engade que "non se trata de apoiar acriticamente e de xeito subordinado calquera proceso de confluencia das diferentes iniciativas" e conclúe que "unha iniciativa cidadá unitaria debe converterse nun símbolo de cambio e de rexeneración política na cidade". 

"Esta é unha proposta que sae da rúa, de persoas que estamos moi comprometidas no movemento asociativo. Trátase de dar o seguinte paso", sinala Francisco Riveiro, que cre que non existen grandes diferenzas programáticas entre as distintas plataformas ou entre as distintas forzas de esquerdas da cidade, que comparten, ademais, os mesmos posicionamentos éticos.

"Esta é unha proposta que sae da rúa, de persoas que estamos moi comprometidas no movemento asociativo. Trátase de dar o seguinte paso", sinala Francisco Riveiro

A plataforma presentou polo de agora un documento de Principios Éticos no que destaca a súa aposta polas primarias abertas, a revogabilidade dos cargos, a limitación de mandatos e salarios ou a prohibición de que "ningún familiar directo ata terceiro grao poida manter relación comerciais co concello".

 

Gañemos Vigo

Finalmente Gañemos Vigo, plataforma liderada por Benito Santos e Lois Pérez Leira, fixo pública o pasado 8 de febreiro unha declaración na que cualificaba de "indispensable" a confluencia cidadá "nun programa de esquerdas, alternativo e ilusionador dos veciños e veciñas de Vigo". A plataforma sinala como "preocupante" a "dilatación da decisión de Podemos de Vigo de participar desta confluencia" e sinalaba que a súa aposta pola creación dunha agrupación de electores "torpedea a posibilidade de confluencia". A declaración pechábase cun chamamento á "confluencia urxente das organizacións políticas e plataformas cidadás co fin de acordar un programa alternativo para a vosa cidade, abrir un proceso de eleccións de candidatos e dar comezo a un proceso de participación cidadá neste proceso electoral".

Asemblea da Marea Dominio Público Marea de Vigo
Imaxe de 'Vigo en Común' Dominio Público Vigo en Común
Integrantes do Consello Cidadán de Podemos en Vigo Dominio Público Podemos Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.