Cargos de En Marea, BNG e Anova estarán en Cataluña para seguir o 1-O

Romeva e Turull, con Junqueras, ante unha urna do 1-O © Govern da Generalitat

Sindicatos policiais apoian en Pontevedra e Vigo aos axentes desprazados e músicos galegos veñen de divulgar unha versión do tema L'Estaca como apoio ao referendo

Representantes de En Marea, BNG e Anova estarán esta fin de semana en Cataluña comprobando por eles mesmos como transcorre o referendo sobre a independencia que a pola Generalitat mantén para o domingo día 1 malia a súa ilegalización por parte do Tribunal Constitucional. Tamén está xa en Cataluña a eurodeputada de AGE Lídia Senra formando parte dunha delegación parlamentaria internacional organizada por Diplocat que mantivo este venres encontros coa presidenta do Parlament catalán, Carme Forcadell, e co presidente da Generalitat, Carles Puigdemont.

Por parte de En Marea serán o deputado Davide Rodríguez e a ex-deputada e membro da coordinadora Consuelo Martínez os que acudirán a Cataluña, mentres que Anova estará presente como formación autónoma a través do su portavoz nacional e tamén  deputado de En Marea Antón Sánchez. As dúas formacións salientan o dereito do pobo catalán a decidir o seu futuro e critican a represión e xudicialización do conflito político.

Por parte do BNG acudirán a Cataluña membros da súa Executiva Nacional: a súa portavoz Ana Miranda estará acompañada pola tamén deputada autonómica Montse Prado e por Eva Villaverde e Rubén Cela. Segundo informan, visitarán distintos colexios electorais en Barcelona e desprazaranse ás sedes das forzas políticas que promoven e apoian o referendo. O luns día 2 o BNG adiantará pola mañá a habitual reunión semanal da súa executiva para analizar o sucedido na xornada anterior.

Feijóo pide aos cataláns “fixarse en que desde a legalidade prospérase máis, fixarse no traballo e no espírito galeguista do PP de Ourense”

Pola súa banda, o presidente Feijóo pronunciouse este venres sobre o conflito catalán nunha convención de cargos do PP de Ourense. Desde o santuario dos Milagres, e co presidente provincial Manuel Baltar presente, Feijóo pediu aos cataláns “fixarse en que desde o diálogo e a legalidade prospérase máis, poden fixarse no traballo e no espírito galeguista do PP de Ourense”. Mentres, o secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, descartou que se poida producir en Galicia un contaxio da situación catalá. En Galicia, dixo, non hai lugar “para radicalismos de ningún tipo” porque segundo el a galega é unha sociedade “moderada”.

Mentres, Pontevedra e Vigo rexistraron onte e hoxe concentracións de sindicatos policiais en apoio aos axentes desprazados desde Galicia a Cataluña fronte ao que consideran como “presións” que están a sufrir por parte do cualifican como unha “minoría” da sociedade.

Por outra parte, músicos galegos veñen de divulgar unha versión do tema L'Estaca, de Lluis Llach, en "solidariedade" con Catalunya e como apoio ao referendo.

Feijóo con Baltar no santuario dos Milagres de Baños de Molgas Dominio Público PP
Puigdemont cunha delegación de parlamentarios internacionais entre os que está a eurodeputada Lídia Senra Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.