A SÚA QUENDA, SEÑORÍA
Cal é a súa principal motivación para optar a entrar no Parlamento?
Limpar as institucións de políticos e políticas que non se preocupan pola xente ou que non atenderon as súas verdadeiras necesidades. Creo que é vital para o noso presente e futuro que o Parlamento volva ser ser, de verdade, dos galegos e galegas.
Por que a cidadanía debería votar por vostedes?
Para que poidan ser representados por persoas competentes pero, sobre todo, decentes. Para nós, o máis importante é que a xente sexa o centro absoluto das políticas, e non que respondan principalmente aos intereses dos negocios e amigos de certa clase política dominante. O custe disto é inasumible por un país como o noso.
Cal é a medida máis urxente que precisa o país despois do 25-S?
Auditar absolutamente todas as contas e contratos da Administración Feijóo, sobre todo no referente á xestión da sanidade, subvencións ou contratas sospeitosas a multinacionais e grandes empresas coa Administración galega, e as operacións que remataron coa venda das caixas de aforros galegas, transformadas en Abanca, ao maior banco privado de Venezuela. É urxente e vital saber onde desviou ou malgastou o goberno de Feijóo os nosos cartos públicos para esixir responsabilidades e recuperar o máximo orzamento posible para utilizalo verdadeiramente na xente que o necesita ou en proxectos que constrúan país e benestar.