Carmen Santos renuncia a liderar Podemos Galicia pero anuncia unha candidatura da dirección

Carmen Santos, en rolda de prensa © Podemos Galicia

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, anunciou este sábado que non se presentará como candidata ao proceso de primarias para a renovación da dirección da formación que se celebrará no vindeiro mes de outubro. "Chegan momentos na vida no que hai que dar pasos e nos que hai que reordenar os roles e eu debo facer un cambio de rol", dixo quen, no entanto, aclarou que apoiará a candidatura que defenda o actual consello de coordinación, que se dará a coñecer este domingo e que se enfrontará co actual portavoz de En Marea no Congreso, Antón Gómez-Reino, polo liderado da formación morada no país. 

"Debo facer un cambio de rol", di Carmen Santos, que non aspirará a liderar Podemos pero apoiará a candidatura da actual dirección

En rolda de prensa, Santos aclarou que non vai "deixar de participar no proceso de primarias" e que o fará "de xeito simbólico" dentro da candidatura e apoiando a lista que impulsará a actual dirección e que liderará unha muller para afondar na "feminización" dos órganos de dirección política. Ademais, a aínda líder de Podemos Galicia despediuse do cargo oñendo en valor os "logros", entre os que situou o "fortalecemento", a "pacificación" e a consolidación do partido no país, do que destacou as elevadas cotas de participación conseguidas nas consultas internas. 

Carmen Santos asegurou que a única razón pola que renuncia ao liderado é para "priorizar o traballo nas institucións" e o que fai no Parlamento. "Voume satisfeita, non hai nada por detrás, non mev vou nin dou un paso atrás, voume parar centrarme noutras tarefas máis institucionais", rematou a secretaria xeral de Podemos, que lanzou unha crítica a Gómez-Reino por non ter comunicado antes aos equipos directivos do partido a súa decisión de presentarse ás primarias. "El ten agora a súa candidatura e a xente da anterir dirección vai postular a súa", dixo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.