Carod, Maragall e Romeva chaman a conformar unha nova esquerda catalá

Imaxe do debate Dominio Público @RamonCreixell

O ex vicepresidente da Generalitat por ERC Josep Lluis Carod-Rovira, o ex conseller socialista Ernest Maragall e o eurodeputado de ICV Raül Romeva enunciaron este luns unha proposta conxunta para conformar unha nova esquerda nacional catalá despois das eleccións do 25N. Nun debate celebrado no Col.legi de Periodistes de Catalunya, os tres políticos salientaron a necesidade de reformular este espazo para construír unha esquerda "forte e sólida", que sexa "decisiva" no debate soberanista e que aspire a ser "alternativa". Os tres definiron a intervención deste luns como un acto "político" pero "non electoral" co obxectivo de "construir" decisións de futuro despois das eleccións.

Os tres políticos salientaron a necesidade de reformular este espazo para construír unha esquerda "forte e sólida", que sexa "decisiva" no debate soberanista e que aspire a ser "alternativa"

O tres coincidiron na importancia de votar nestas eleccións para "xerar a semente dunha alternativa catalá de esquerdas que poida ter moito que dicir no proceso de construción dunha Catalunya-Estado". Alertan do perigo que CiU se apropie "do feito nacional' e por iso cren que fai falta unha nova esquerda na cal  poidan confluír partidos e sensibilidades diversas para discutirlle o liderado político á dereita.

Carod-Rovira denunciou que o erro da esquerda catalá foi "regalar" a cuestión nacional á dereita "que acabou identificándose co país"

Carod-Rovira denunciou que o erro da esquerda catalá foi "regalar" a cuestión nacional á dereita "que acabou identificándose co país" e reclamou unha esquerda "soberana, é dicir, non dependente de Madrid", "soberanista" e con vocación de goberno. Pola súa banda Maragall destacou que a esquerda debe participar no proceso soberanista como "protagonista" e non como un socio "supeditado". Mentres, Romeva situou o debate no contexto europeo e chamou a "reconstruir" o espazo de esquerdas.

Ernest Maragall puxo en marcha hai unhas semanas un novo partido, Nova Esquerra Catalana, soberanista e de esquerdas. Pola súa banda, o dirixente do PSC e impulsor do movemento Avancem, Joan Ignasi Elena, avalou a proposta. Elena defendeu esta confluencia dos sectores progresistas con independencia do resultado das eleccións catalás de novembro: "É un reto da esquerda en Cataluña e estou seguro que o imos conseguir". En declaracións a Europa Press, defendeu que esta alianza debe ser un movemento que naza da sociedade, e non unha "coalición fría de siglas" dos principais partidos de esquerdas de Cataluña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.