Causa Galiza chama a participar na Asemblea Nacional constituínte

Rolda de prensa de Causa Galiza © Praza Pública

A organización realizou este martes un chamamento a participar na Asemblea Nacional constituínte, que terá lugar o vindeiro 14 de xullo. Previamente, Causa Galiza celebrará un Plenario, o día 8. Neste senso, Aurélio Lopes afirmou que "desde o minuto cero, Causa Galiza estivo presente e alimentando este proceso. Fixémolo porque considerábamos positva a creación dunha frente plural, situada no nacionalismo e na esquerda". E engadiu que "o elemento fulcral para nós era posicionarse ante o fin de ciclo histórico, situando o novo movemento político en posicións superadoras da vella estratexia autonomista, que nós sempre denunciamos".

Causa Galiza salienta que "a idea da soberanía nacional de Galiza comeza a situarse no debate político", tanto nestas asembleas coma nalgún dos partidos que compoñen o BNG

Causa Galiza salienta que "a idea da soberanía nacional de Galiza comeza a situarse no debate político", tanto nestas asembleas coma nalgún dos partidos que compoñen o BNG. Para Aurélio Lópes "era fundamental que o movemento político se situase tanto ideoloxicamente como organizativamente por un proxecto superador da estratexia e do modelo organizativo do BNG" e engadiu que "cremos que os documentos que van a debate nas comarcas son claramente superadores da vella estratexia autonomista. Formulan sen nengún tipo de ambigüedade como obxectivo político a independencia deste País e a necesidade de exercer a autodeterminación".

De igual xeito, José Antom Maceiras valorou "positivamente" que a "UPG deu un aparente xiro soberanista" e considerou que "foi debido en grande parte ao traballo realizado polo movemento soberanista e independentista que condicionou a grande parte do nacionalismo". Con todo considerou que non fica clara "se esa soberanía significa nengunha dependencia con España". 

Lopes afirma que "o Estado é consciente do proceso de acumulación de forzas en favor da soberanía que se está a dar en Euskal Herria e Catalunya. Temos que facer os deberes en Galiza para conectar con ese tren"

En relación co contexto estatal, Lopes afirma que "o Estado é perfectamente consciente do proceso de acumulación de forzas en favor da soberanía que se está a dar en Euskal Herria e Catalunya. Temos que facer os deberes en Galiza para conectar con ese tren soberanista. A Asemblea Nacionalista do 14 de Xullo é unha boa oportunidade".

Rolda de prensa de Causa Galiza © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.